A Xunta pon en valor o novo centro ocupacional de Betanzos que fomenta activamente a integración social das persoas con discapacidade intelectual
A directora xeral de Persoas con Discapacidade destacou que esta iniciativa supón un paso máis na visibilidade e inclusión das persoas afectadas
Este novo centro forma parte do Pai Menni Irmás Hospitalarias que conta con outros recursos de atención no municipio aos que a Xunta destina máis de 5 millóns de euros
Estas instalacións sitúanse en pleno centro do concello para fomentar a interacción dos usuarios co resto de veciños
Betanzos (A Coruña), 12 de decembro de 2024
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, acompañada da alcaldesa de Betanzos, María Barral, puxo en valor o novo centro ocupacional de Pai Menni Irmás da Caridade. Estas instalacións sitúanse no centro da localidade e teñen como obxectivo potenciar a integración das persoas con discapacidade intelectual no resto da comunidade.
No acto de inauguración, a directora xeral sinalou que a nova localización deste centro ocupacional supón un paso máis na visibilidade e integración das persoas con discapacidade. Así, dáselle a oportunidade de prestar servizos ao resto da comunidade potenciando as súas habilidades e dotándoos de ferramentas para fomentar a súa autonomía.
Begoña Abeijón destacou que o Centro Pai Menni conta ademais con recursos residenciais para persoas gravemente afectadas, un centro de día, vivendas tuteladas e o centro ocupacional. A Xunta destina máis de 4.300.000 ao financiamento de 169 prazas de atención e coidado nos diferentes recursos desta entidade social.
Nesta liña, agradeceu o traballo da entidade social sen ánimo de lucro, Irmás Hospitalarias, que conta cunha ampla traxectoria neste eido, poñendo en marcha diferentes programas e iniciativas para fomentar a súa autonomía. En concreto, nos últimos anos o Executivo galego tamén destinou preto dun millón de euros a financiar diferentes liñas de actuación deste centro.
Así mesmo, a directora xeral recalcou a importancia da colaboración entre o tecido social e a Administración para ofrecer as mellores condicións ás persoas afectadas. Deste xeito, trasladou o compromiso da Xunta de seguir ofrecendo recursos para impulsar a autonomía das persoas con discapacidade e garantir todos os seus dereitos.