A Xunta presenta o seu modelo de goberno da intelixencia artificial a responsables tecnolóxicos de empresas e institucións

O encontro SINFILTRO, de directores de sistemas e tecnoloxías, inclúe unha visita ás instalacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Técnicos da Xunta explicaron ás persoas asistentes diferentes proxectos en ámbitos como a saúde, a atención socio-sanitaria, xestión territorial e loita contra os incendios

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2024

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia recibiu hoxe a visita dunha trintena de responsables das áreas de sistemas e tecnoloxías de información de empresas e institucións no marco do encontro SINFILTRO que organiza semestralmente o asesor e divulgador Marcelo Castelo.

O obxectivo destes encontros, que xa se desenvolveron con anterioridade en empresas como Abanca ou Inditex, é o de ofrecer un marco informal para o intercambio de experiencias e información entre as persoas que levan o peso da transformación dixital nos sectores privados e público.

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, actuou como anfitrión da visita e explicou aos asistentes o modelo de Goberno da intelixencia artificial da Xunta e o marco no que se desenvolve, que inclúe a Estratexia Galicia Dixital 2030 e, proximamente, a Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, cuxo proxecto acaba de ser aprobado polo Consello de Goberno.

Responsables de departamentos técnicos da Administración autonómica participaron nunha rolda de presentacións sobre a estratexia da Xunta, que combina tecnoloxías con atención ás persoas e ao territorio. Entre elas, o novo modelo de atención socio-sanitario en residencia intelixente de maiores e persoas con discapacidade; o Centro de Control e Coordinación de Incendios de Galicia; os usos da intelixencia artificial e o internet das cousas na sanidade; ou a estratexia e goberno con sistemas de almacenamento e xestión na nube.

Data de actualización: 17/12/2024