A Xunta pon en valor a Casa da Misericordia como referente na reinserción social das persoas que saen do cárcere

O obxectivo deste recurso é ofrecer acompañamento e apoio aos reclusos que carecen de medios para a súa inclusión social

O director xeral de Inclusión Social sinalou que o Executivo galego apoia diferentes programas nos centros penitenciarios para promover a súa reinserción social

Lugo, 19 de decembro de 2024

O director xeral de  Inclusión Social, Arturo Parrado, participou esta mañá no acto de inauguración da Casa da Misericordia impulsada por Cáritas Diocesana de Lugo. Durante a súa presentación, destacou o interese deste novo recurso destinado á reinserción social das persoas que saen do cárcere.

Arturo Parrado sinalou que a Casa da Misericordia é un recurso integral, caracterizado pola personalización dos apoios e nunha contorna urbana para fomentar unha mellor integración social. Así mesmo, destacou a importancia de ofrecer unha atención profesional e de calidade como a que representa esta iniciativa.

Nesta liña, o director xeral fixo fincapé en que este recurso pola súa orientación específica ten, ademais, un carácter novidoso e complementario a outros promotores da inclusión social da poboación vulnerable. Máis alá de atender as necesidades básicas e apoiar os procesos de reinserción social das persoas en reclusión ou exreclusión, comprende a atención aos seus achegados.

Durante o acto, Arturo Parrado tamén agradeceu o labor da entidade social por seguir impulsando iniciativas de atención ás persoas máis vulnerables. Deste xeito, trasladoulle o compromiso da Xunta de Galicia de seguir apoiando e colaborando para axudar a todas as persoas en risco de exclusión social.

O director xeral lembrou que o Executivo galego colabora con outras iniciativas de reinserción social de reclusos. Así, a Consellería de Política Social e Igualdade conta con equipos de inclusión social que traballan no programa Nelson Mandela, orientado a asesorar ás persoas dos centros penitenciarios de Teixeiro e A Lama e promover proxectos de inclusión sociolaboral que podan continuar unha vez acaden a súa liberdade. Ademais, desenvólvense diferentes iniciativas para facilitarlles a busca dun novo fogar.

Data de actualización: 19/12/2024