O Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento de Lugo aproba o novo convenio colectivo e a relación de postos de traballo

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na reunión do pleno  do organismo 

Lugo, 19 de decembro de 2024

O Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento de Lugo, integrado pola Xunta e a Deputación de Lugo, aprobou hoxe as melloras laborais acordadas coas forzas sindicais a comezos de ano. O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron no pleno do organismo, no que se aprobaron o novo convenio colectivo e a Relación de Postos de Traballo (RPT).

O convenio será agora remitido á Autoridade Laboral e a RPT publicarase no Boletín Oficial da Provincia de Lugo para someter a exposición pública. Entre as medidas que se recollen figuran a incorporación de 26 efectivos, aumento salarial, redución de 1642 horas, recoñecemento como persoal laboral fixo desde a data de subrogación 01/05/2019, melloras no equipamento e roupa de traballo, redución da mobilidade entre parques comarcais do persoal, axudas sociais ou a disposición de días de asuntos propios, entre outras melloras.

Ademais, fixouse unha nova xuntanza do Consorcio de Bombeiros para o vindeiro xoves co obxectivo de establecer un novo acordo sobre a retroactividade dos salarios durante o ano 2024. Este punto responde ao compromiso adquirido cos traballadores no acordo asinado no pasado mes de febreiro, garantindo así que se cumpran os dereitos económicos pactados.

A aprobación supón a culminación da negociación iniciada despois de que, en febreiro, representantes da Xunta, das deputacións provinciais e dos sindicatos, pecharan un acordo para os parques dos consorcios provinciais contraincendios. 

A Xunta e a Deputación luguesa colaboran no funcionamento da media ducia de parques comarcais de bombeiros que dependen do Consorcio, con sedes en Monforte de Lemos, Chantada, Sarria, Barreiros, Vilalba e Viveiro. O Goberno galego mantén o seu compromiso na atención ás emerxencias en todo o territorio galego, neste caso para apoiar a actividade dos parques de bombeiros da comunidade, a través dos consorcios. Ademais, a Xunta colabora cos servizos de emerxencias dos concellos tanto no seu funcionamento como na dotación de equipamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2024