A Xunta e o Concello de Ribeira acordan manter ata 2028 as bonificacións nas viaxes en autobús dentro do municipio
Prorrógase por catro anos o convenio que aplica unha rebaixa de 50 céntimos en todas as viaxes internas e descontos sociais adicionais a estudantes, pensionistas e persoas en situación de emerxencia social do municipio
Ademais, máis de 2.600 usuarios da localidade poden viaxar gratis en toda a comunidade grazas á tarxeta Xente Nova e á Tarifa +65
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2024
A Xunta e o Concello de Ribeira acordaron estender ata 2028 as bonificacións nas viaxes de autobús realizadas dentro deste municipio da Barbanza, segundo a prórroga do convenio asinada hoxe. O acordo de mellora das tarifas, que se activou en 2021, amplía así a súa duración por catro anos máis.
Deste xeito, en canto ás vantaxes económicas para os usuarios que empreguen as Tarxetas de Mobilidade de Galicia (TMG e TMG Xente Nova), manterase un desconto directo xeral de 0,50 € no prezo dos billetes das viaxes que teñan orixe e destino no termo municipal de Ribeira, así como bonificacións sociais adicionais dirixidas a veciños do municipio que pertenzan a determinados colectivos.
A veciñanza de Ribeira beneficiaria das bonificacións adicionais seguirán contando cunha rebaixa, que vai dos 0,15 € aplicable aos pensionistas ou 0,25 € ao colectivo de estudantes ata unha bonificación que asume o 100% do prezo do billete para as persoas en situación de risco ou emerxencia social do municipio.
Ademais destas melloras nas tarifas activadas mediante o convenio de colaboración co Concello, as persoas usuarias benefícianse dos descontos e bonificacións que se aplican con carácter xeral no transporte público interurbano co pago das Tarxetas de Mobilidade de Galicia. Entre elas figuran a rebaixa directa do 10% no prezo dos billetes que se paga con esta tarxeta, o desconto adicional do 50% que a Xunta vén aplicando desde setembro de 2022, a gratuidade para os menores de 21 anos a través da tarxeta Xente Nova, ou a gratuidade para os maiores de 65 anos que se activou ao inicio deste ano.
Aumento das viaxes no último ano
O conxunto das medidas de fomento do uso do transporte público da Xunta impulsou un crecemento da demanda nas viaxes internas en Ribeira dun 11% con respecto ao ano pasado, con case 280.000 viaxeiros ata outubro, fronte ás 250.000 do mesmo período de 2023. Nos primeiros dez meses do ano, o 69% dos viaxeiros dentro do termo municipal de Ribeira beneficiáronse dos descontos nas tarifas por pagar coas Tarxetas de Mobilidade de Galicia, fronte ao 64% do mesmo período do ano anterior.
No concello de Ribeira, máis de 900 maiores de 65 anos e preto de 1.700 menores de 21 anos poden viaxar gratis por toda a comunidade grazas á Tarifa +65 e á tarxeta Xente Nova.