O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe o equipamento acompañado da alcaldesa, Sandra Quintas

A Xunta completa a renovación de espazos exteriores da súa escola infantil en Bande

Dotouse o acceso ao centro de beirarrúas e dunha nova área de xogos cuberta para que poida ser utilizada polos nenos durante todo o curso

Esta actuación súmase á nova cuberta do patio de diante do equipamento instalada o ano pasado

Bande (Ourense), 20 de decembro de 2024

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado da alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, visitou hoxe a escola infantil para comprobar o resultado das obras de mellora realizadas neste centro, pertencente á rede pública autonómica. Os traballos consistiron na renovación dos espazos exteriores e na creación dunha nova zona de xogo cuberta.

En concreto, as obras centráronse na instalación dun novo sistema de recollida de auga e na construción de novas beirarrúas de acceso ao centro. Ademais, a escola dótase mediante esta actuación dunha nova área de recreo cuberta que pode ser utilizada durante todo o ano por estar protexida da chuvia e do vento. Esta zona de xogos conta con pavimento de caucho para uso infantil e renováronse os seus camiños de acceso para facilitar o tránsito de carriños de rodas.

Perfecto Rodríguez explicou que esta intervención, que tivo un custe de 11.000 euros, completa a renovación da zona exterior iniciada o ano pasado coa cubrición do patio diante da escola infantil e do acceso. Como é habitual neste tipo de actuacións, a execución das obras correu a cargo do Concello e foron financiadas polo Consorcio a través da compensación das liquidacións que lle corresponde abonar á entidade local pola prestación deste servizo público.

O xerente do Consorcio explicou que estes traballos enmárcanse no programa de melloras que o Consorcio desenvolve na súa rede de centros ao longo de todo o ano. O obxectivo destas intervencións é que os nenos, as súas familias e o persoal dispoñan dunhas infraestruturas de calidade, funcionais e cómodas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2024