A Xunta amplía á Mariña Lucense a alerta laranxa activa por temporal costeiro no litoral da Coruña e de Pontevedra

Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros, e anunciou a suspensión da actividade deportiva no mar nestes municipios

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2025

A Xunta vén de ampliar á Mariña lucense a alerta laranxa por temporal costeiro activa desde onte pola tarde no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra.

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a  Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde esta madrugada na Mariña lucense por mar combinada do oeste rolando a noroeste e ondas de ata seis metros con vento do suroeste rolando a noroeste de forza 7. A costa da Coruña e Pontevedra segue en aviso laranxa desde a xornada de onte.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Data de actualización: 05/01/2025