Belén do Campo evalúa cos xefes territoriais o balance de actividade da delegación no 2024 e os retos para o 2025

A representante do Goberno autonómico subliñou que do orzamento total da Xunta para o 2025, 13.954 millóns de euros, un 74% se destinan ao coidado das persoas a través da sanidade, a educación, a política social e o emprego

A delegada da Xunta incidiu na importancia de que as diferentes liñas de axudas que se están abrindo con anticipado de gasto cheguen dunha forma áxil aos posibles beneficiarios

A Coruña, 7 de  xaneiro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, presidiu a Comisión Territorial de Coordinación da Delegación que contou coa participación dos directores territoriais das distintas consellerías No encontro  a representante do Goberno autonómico lembrou que o pasado 1 de xaneiro entraron en vigor os novos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o  2025 que ascenden a 13.954 millóns de euros.

Os recursos orzamentarios deste novo ano recollen a primeira prioridade do Goberno galego, que é o reforzo continuo e permanente do gasto social, a sanidade, a educación, as políticas sociais e o emprego. Para iso, se destina unha cifra que supera por primeira vez os 10.000 M€, ata alcanzar os 10.227 millóns. Isto quere dicir que un 74% do trzamento, tres de cada catro euros, se destinan ao coidado das persoas a través da sanidade, a educación, a política social e o emprego, cun incremento de preto de 500 millóns de euros en só un ano.

Neste senso, trasladou aos directores territoriais a importancia do seguimento das diferentes liñas de axudas que se están abrindo por anticipado de gasto para que cheguen a todos os posibles beneficiarios dun xeito áxil co fin de que se aproveiten ao máximo estes recursos que se poñen a disposición da cidadanía.

Balance 2024

No encontro a representante do Goberno autonómico repasou a súa presencia nos concellos da provincia desde a súa toma de posesión hai 8 meses. Concretamente, xa visitou a práctica totalidade dos 73 municipios do ámbito de actuación da delegación coruñesa para achegar a administración autonómica aos municipios e poñer en valor as principais inversións e programas da Xunta e  recoller as propostas e achegas dos diferentes colectivos, concellos e entidades da provincia.

Isto traduciuse en máis de 400 actos relacionados cos distintos ámbitos de actuación das diferentes consellerías como visitas a casas niño e do maior, explotacións agrícolas e gandeiras, industrias agroalimentarias, a comercios e obradoiros de emprego, parques empresariais, empresas e centros hospitalarios. No eido das infraestructuras supervisou as distintas actuacións en sendas e estradas e as intervencións relacionadas coa vivenda protexida. A súa axenda tamén se centrou en actuacións no eido de medio ambiente, realizadas, co apoio da Xunta, en espazos protexidos e obras de fermosismo. Así mesmo, destacou a súa presenza en eventos culturais da provincia e a posta en valor das actuacións de recuperación do patrimonio cultural da Coruña. Finalmente, no eido de turismo visitou varios establecementos para informar das axudas a este sector para mellorar os seus servizos e competitividade e destacou tamén as numerosas visitas a concellos para poñer en valor as axudas de administración local e de deportes.

Ademais, nos transcurso destes 8 meses, a delegada territorial fixo balance das máis de 60 entrevistas en medios escritos e radiofónicos e da súa presencia diaria nos mesmos a través dos diferentes actos, roldas de prensa e actividades que realiza nos diferentes concellos da área de influencia da delegación.

Dependencia

Na reunión tamén marcaron como máxima prioridade o novo  Plan de axilización e simplificación dos trámites de dependencia e discapacidade, dotado con 90 millóns de euros, que se puxo en marcha coa aprobación dos novos orzamentos para o 2025, que busca entre outras cuestións reducir as esperas á hora de recibir unha prestación e garantir que ningunha persoa agarde máis de seis meses desde que presenta a solicitude e ata que se lle concede o servizo ou axuda necesaria. 

Nesta liña e coa finalidade de axilizar ao máximo os trámites, a partir de agora só haberá que presentar unha única solicitude na que xa haberá a información familiar e social do solicitantes para poder resolvela coa máxima celeridade. Ademais, porase en marcha un asistente virtual que os guiará paso a paso na presentación de solicitudes electrónicas. A isto unirase o asesoramento no procedemento dos traballadores sociais dos concellos.

Belén do Campo explicou que o plan contará con sete eixos principais: reducir ao máximo a burocracia, fixar un procedemento conxunto que aforre tempos e trámites, a mellora da xestión das citas, a optimización da xestión administrativa, o reforzo do papel dos servizos sociais, o establecemento dun protocolo de colaboración entre Política Social e o Sergas e a posta en marcha dun plan de formación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/01/2025