O presidente da Xunta asiste á inauguración do estacionamento do polígono de San Cibrao das Viñas
Rueda destaca a posta en marcha da rede galega de aparcadoiros seguros para os e as transportistas, pioneira en España
Salienta que estas infraestruturas eran “moi demandadas” polo sector e que, entre os obxectivos, está promover “a incorporación da muller” a un sector moi masculinizado
O estacionamento de San Cibrao conta con 59 prazas nun perímetro pechado, con control de acceso por matrícula e videovixilancia
Inclúe vestiarios e aseos propios para mulleres e un botón de emerxencia que conecta directamente co 016
A Xunta impulsará a habilitación de 1.500 prazas en este tipo de espazos protexidos
Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe a aposta da Xunta por mellorar a seguridade e condicións laborais dos e das transportistas coa posta en marcha da primeira rede española de estacionamentos seguros para vehículos pesados que bota a andar cun aparcadoiro protexido no polígono de San Cibrao das Viñas.
Durante a inauguración do novo estacionamento, o presidente resaltou que este tipo de espazos están a deseñarse ademais con perspectiva de xénero co obxectivo de fomentar a incorporación das mulleres a unha profesión aínda moi masculinizada. “Hai poucas mulleres transportistas e un dos motivos é a necesidade de infraestruturas que garantan a seguridade mentres pernoctan”, indicou Rueda.
O novo aparcadoiro seguro de San Cibrao -froito da colaboración entre Xunta, Deputación de Ourense e os empresarios do polígono- conta con 59 prazas nun recinto con perímetro pechado, control de acceso por matrícula, videovixilancia e unha área exclusiva para mulleres con vestiarios e aseos propios así coma un botón de emerxencia que conecta directamente co 016.
“Trátase dunha infraestrutura moi demandada polo sector e que imos repetir noutros polígonos das catro provincias”, indicou Rueda. O obxectivo do Goberno autonómico é chegar as 1.500 prazas para transportistas en aparcadoiros seguros e protexidos. Con este obxectivo, neste ano haberá unha convocatoria de axudas para a habilitación deste tipo de espazos para vehículos pesados, dotada de 500.000 euros e que permitirá a creación de 250 prazas.
Na súa intervención, Rueda salientou o apoio do Goberno autonómico ao tecido produtivo de Galicia que son os que “xeran riqueza e emprego” a través de medidas coma a “Oficina Económica de Galicia” que permite axilizar os trámites para poñer en marcha un proxecto empresarial.