A Xunta renova a súa alianza con Craega cun novo convenio de colaboración para potenciar o consumo e difusión dos produtos ecolóxicos de Galicia

O conselleiro do Mar destacou a acuicultura ecolóxica como unha ferramenta imprescindible no camiño de abrir novos mercados a nivel nacional e europeo

Monforte (Lugo), 14 de xaneiro de 2025

A Xunta renova a súa alianza co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) coa sinatura dun novo convenio de colaboración co obxectivo de reforzar o seu traballo na potenciación do consumo e difusión dos produtos ecolóxicos de Galicia. Así, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, desprazouse ata a sede da entidade no concello lucense de Monforte onde puxo en valor este acordo á vez que resaltou a tendencia de crecemento do sector ecolóxico certificado en Galicia tanto en superficie como en operadores, con presenza en 279 municipios galegos.

O responsable autonómico destacou o papel do sector pesqueiro galego na produción ecolóxica da comunidade que en conxunto mantén un volume de facturación de 113 millóns de euros, correspondendo máis do 17% á produción acuícola e de conservas de peixe. Neste liña, sinalou que no ranking de vendas por tipoloxía de produtos ecolóxicos certificados destacan as conservas de peixe así como a acuicultura e recolleita de algas que ocupan a segunda e novena posición respectivamente.

O titular de Mar manifestou o potencial e marxe de crecemento deste sector nos vindeiros anos nun contexto de cambio nos criterios de consumo da cidadanía, máis concienciada con aspectos ambientais, o que fai que estes alimentos sexan aínda máis valorados nos mercados que os convencionais. Así, os produtos ecolóxicos ofrecen aos consumidores produtos nutritivos e de máxima calidade á vez que sostibles apostando por sistemas de produción respectuoso con medio ambiente e responsables no uso sustentable dos recursos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/01/2025