A Xunta colabora coa Fundación Igualarte na integración das persoas con discapacidade a través das disciplinas artísticas

A directora xeral de Persoas con Discapacidade visitou a sede da entidade para comprobar a evolución dos proxectos que leva a cabo e as previsións para 2025

Vigo, 17 de xaneiro de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá a sede da Fundación Igualarte para manter unha reunión de traballo e afondar sobre a colaboración da Xunta con esta entidade e os novos proxectos para 2025. Tras a visita, destacou o importante papel que xoga a fundación a prol da integración das persoas con discapacidade. 

Begoña Abeijón louvou o traballo que desenvolve a fundación e salientou o valor social desta entidade, que recoñece as habilidades das persoas con discapacidade e axuda a poñer en valor a súa  creatividade. Igualarte traballa as disciplinas artísticas cos usuarios a través dun centro ocupacional, outro de día e unha escola artística.

A Xunta colabora coa Fundación a través de varias axudas con cargo ao 7% do IRPF, así como no financiamento de prazas. En concreto, en 2024 o Executivo galego subvencionou 5 novas prazas públicas no centro de día que se suman ás 19 que xa financia a Xunta no centro ocupacional.

Data de actualización: 17/01/2025