Visita do conselleiro do Mar á lonxa de Testal
A Xunta ten concedidas máis de 500 mil euros en axudas destinadas a proxectos dirixidos á sostibilidade e competitividade do sector pesqueiro noiés
Estas achegas autonómicas permitirán reducir os impactos negativos sobre o medio, afondar na formación, seguridade e condicións de traballo dos profesionais, a dixitalización así como a rexeneración das zonas produtivas
Alfonso Villares manifestou que estes apoios amosan o forte compromiso do Goberno galego no apoio e reforzo do desenvolvemento dun sector esencial no plano económico e de creación de emprego
Tamén puxo en valor a recuperación da produción en capturas e facturación no 2024 despois do episodio de intensas choivas vivido no outono do 2023 que provocou unha brusca baixada na salinidade ocasionando unha alta mortaldade nos bivalvos
Noia (A Coruña), 17 de xaneiro de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares realizou unha visita á lonxa de Testal, no municipio coruñés de Noia, onde destacou que a Xunta ten concedidas axudas por valor de máis de 516 mil euros ao sector pesqueiro do municipio que permitirán acometer actuacións esencias para avanzar na sostibilidade e competitividade da actividade pesqueira e marisqueira da zona.
O responsable autonómico, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, sinalou que entre os proxectos que acadan financiación autonómica está Naturanoia, que ten como finalidade a redución os impactos negativos ou contribuír aos impactos positivos sobre o medio ambiente. Outro é Formanoia 3 que promove as condicións para uns sectores da pesca, acuicultura e transformación economicamente viables, competitivos e atractivos fomentando o crecemento e emprego sostible a través de accións formativas.
Tamén son beneficiarias dos apoios da Consellería do Mar un proxecto de mellora de seguridade na lonxa de Testal, actuacións destinadas á recuperación de bivalvos nos bancos areosos de Noia así como a dixitalización da confraría a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) Costa Sostible. Para o titular de Mar, estas accións amosan de xeito claro o compromiso do Goberno galego no apoio e reforzo do desenvolvemento e futuro do sector pesqueiro esencial na economía e creación de emprego no municipio.
Actuacións pendentes
A presenza do responsable autonómico tamén serviu para manter un encontro co rexedor noiés, Santiago Freire, e o patrón maior da Confraría de San Bartolomé, Santiago Cruz, cos cales abordou as necesidades e actuacións pendentes na localidade. Así, sinalou que a dragaxe do porto de Testal está pendente do informe de Costas do Estado para completar a tramitación ambiental do proxectos. Tamén indicou que os traballos de mellora dos pantaláns deste recinto portuario, demandados polos profesionais, xa foron executados recentemente.
Recuperación da produción
O conselleiro do Mar puxo en valor a recuperación da produción de bivalvos no 2024 despois do episodio de alta mortaldade de bivalvos provocado pola baixa salinidade das augas a causa do episodio extraordinario de fortes choivas acontecidas no outono do 2023. Así, o ano pasado rematou cun total de capturas destas especies de 500 toneladas, cinco veces máis que no ano anterior, e que alcanzaron un valor de 4,4 millóns de euros o que permitiu pechar o exercicio cuns ingresos de case 5,4 millóns de euros.