A Xunta simplifica a súa linguaxe administrativa para achegar a información á cidadanía
Publica unha guía que ofrece consellos para facer máis comprensibles as mensaxes que se fan chegar ao público
A publicación acadou o segundo premio de persoal funcionario público innovador na modalidade de simplificación administrativa, convocado pola Axencia Galega de Innovación.
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2025
A Xunta quere simplificar a linguaxe administrativa para achegar unha información máis útil e sinxela á cidadanía e que os galegos e galegas poidan tomar decisións con coñecemento e seguridade. Para iso acaba de elaborar unha guía que ofrece recomendacións ao persoal empregado público para escribir da forma máis clara posible, tendo sempre en conta o perfil das persoas destinatarias.
A finalidade desta publicación é lograr que a comunicación entre a Administración e a cidadanía sexa máis fluída e eficaz, aumentar a comprensión dos documentos ofrecidos ao público e, deste xeito, incrementar a transparencia informativa e mellorar a satisfacción das persoas usuarias dos servizos públicos prestados pola Xunta de Galicia.
A guía acadou o segundo premio no concurso de persoal funcionario público innovador, convocado pola Axencia Galega de Innovación, na modalidade de simplificación administrativa.
Contidos da guía
A publicación estrutúrase en catro partes que seguen o fluxo lóxico da escritura, empezando por recadar a información precisa antes de empezar a escribir, organizar as ideas, redactar e revisar o texto antes de que vexa a luz.
Ademais, recolle tamén aspectos básicos da escritura web, con suxestións para adaptar o estilo do texto e o seu contido ás necesidades de internet, así como recursos multimedia dispoñibles para lograr unha comunicación máis eficaz.
A guía enmárcase dentro das competencias e funcións da Dirección xeral de simplificación, que procura a promoción e o impulso da redución de cargas burocráticas, facilitando o acceso da cidadanía aos servizos públicos dun xeito sinxelo. Para iso realiza un acompañamento aos distintos departamentos da Administración autonómica no deseño e implantación dos servizos públicos, buscando optimizar trámites e documentos, reducir as cargas administrativas, empregar de forma xeneralizada comunicacións previas e declaracións responsables, así como potenciar a lectura fácil e a implantación da Administración electrónica, a aplicación de tecnoloxía innovadora e o ofrecemento proactivo dos servizos públicos, coa finalidade de mellorar a confianza e a resposta á cidadanía e ás empresas.