Alfonso Villares enxalza o papel das mulleres na comercialización dos derivados da pesca extractiva

O conselleiro do Mar presidiu a terceira edición do Premio Afripex que recaeu na bueuense Mercedes González Malvido, directora de Frigoríficos Rosa de los Vientos, en recoñecemento do seu papel no sector marítimo pesqueiro

Brión (A Coruña), 17 de xaneiro de 2025

A conselleiro do Mar, Alfonso Villares, enxalzou esta mañá o papel das mulleres no sector do frigorífico e da elaboración e comercialización dos produtos conxelados derivados da pesca extractiva, na entrega dos premios da Asociación de Frigoríficos de Pesca Extractiva, que recoñecen a figuras destacadas no sector marítimo pesqueiro.

Villares presidiu a terceira edición deste galardón que recae este ano na bueuense Mercedes González Malvido, directora de Frigoríficos Rosa de los Vientos. O titular de Mar reseñou o acaído deste premio “nos tempos que vivimos nos que a posta en valor do labor da muller no sector está a tomar o protagonismo que sempre debeu ter”, reseñou. Na figura de Mercedes González, o conselleiro do Mar enxalzou ás mulleres “loitadoras, perseverantes e valentes que deron un paso adiante polas súas familias, por elas mesmas e por Galicia” e lembrou o “traballo, o esforzo, a experiencia e o coñecemento” das que entregaron “toda unha vida á pesca e ao mar”.

Nun acto celebrado no municipio de Brión e no que estivo acompañado pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, o responsable autonómico louvou a iniciativa dos premios Afripex e agradeceu ao seu actual presidente, Marcos Salgueiro, director xerente de Frigomar Burela, a convocatoria dun galardón “que deixa patente o compromiso de facer desta entidade un símbolo da Galicia do mar”.

O conselleiro do Mar dirixiuse persoalmente á homenaxeada á que entregou o premio para reseñar que “Mercedes é un exemplo de por que Galicia é hoxe o que é” e lembrou a súa traxectoria vinculada aos traballos do mar desde nena. Villares aplaudiu a “unha muller feita a si mesma” da que dixo “demostrou que é posible o liderado das mulleres, pese ao difícil que sempre dicimos que é”.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 17/01/2025