O director de Augas de Galicia reuniuse esta mañá cos alcaldes de Ribadeo e Trabada para abordar este asunto

A Xunta ultima a licitación das obras de mellora do abastecemento a Ribadeo e Trabada, cun investimento de máis de 8,5 M€ e que beneficiará a case 10.000 persoas

Roi Fernández subliña o compromiso do Goberno galego cunha actuación “clave” para o benestar da veciñanza e na que a maior achega económica será autonómica

Con esta actuación, cun prazo de execución estimado de 15 meses, renovarase a condución entre a ETAP de Vilarbetote e o depósito de Loureiro ao longo de 15 km

Ribadeo (Lugo), 21 de xaneiro de 2025

A Xunta está a ultimar os detalles técnicos para sacar canto antes a licitación pública a obra de mellora do abastecemento a Ribadeo e Trabada, unha actuación na que se mobilizará un investimento de máis de 8,5 millóns de euros.

Así llo trasladou esta mañá o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, ao alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, e ao de Trabada, Rubén García, cos que mantivo unha reunión de traballo na Casa Consistorial ribadense para analizar o estado desta actuación así como doutros asuntos de interese local en materia hidráulica. Na xuntanza tamén estiveron presentes funcionarios e representantes municipais.

Tras lembrar o compromiso do Goberno galego con esta actuación, na que a maior achega económica será aportada pola Xunta e que contará tamén con financiamento municipal, o director do organismo de conca salientou a importancia desta obra, da que se beneficiará unha poboación estimada de case 10.000 persoas e será “clave” para garantir un servizo básico á poboación como é o acceso á traída municipal.

A condución actual entre a Estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Vilarbetote, en Trabada, e o depósito de Loureiro, en Ribadeo, sofre avarías e cortes con certa frecuencia que non garanten a demanda.

Co proxecto de mellora do abastecemento a ambos municipios lucenses, actualizado en decembro do ano pasado, desenvolverase unha solución efectiva para resolver o problema das roturas e, ademais, reducir as perdas e a ineficacia da tubaxe actual, que subministra principalmente ao núcleo urbano de Ribadeo.

En concreto, o director de Augas de Galicia explicou que entre as actuacións previstas destaca a execución dunha nova conexión entre Vilarbetote e Loureiro mediante unha tubaxe de fundición cunha lonxitude de 15 quilómetros —principalmente soterrado salvo nun treito de 5,3 km que coincide coa traza do antigo tren mineiro— que substituirá a condución existente.

Por último, Roi Fernández trasladoulles tamén aos membros da mesa convocada hoxe para analizar a actuación, que unha vez que o proxecto da obra xa conta cos informes pertinentes e as autorización preceptivas por parte dos organismos públicos afectados, Augas de Galicia poderá proceder a licitar, previsiblemente no mes de abril, o contrato para a materialización da obra, cun prazo de execución de 15 meses.

Aínda que a prestación dos servizos de saneamento e abastecemento son unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten no marco dunha estratexia coa que busca ofrecer unha alternativa de xestión autonómica dos servizos da auga.

De feito, o orzamento de Augas de Galicia para 2025 ascende a 144 millóns de euros, dos que 73 millóns se destinarán á mellora das infraestruturas do ciclo da auga para seguir apoiando aos concellos no exercicio das súas competencias neste eido e facer un uso eficiente dos recursos para reducir a pegada hídrica no conxunto da comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/01/2025