O Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento de Lugo formaliza o novo convenio colectivo e a Relación de Postos de Traballo

No acto de sinatura participou por parte do Goberno galego o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, en calidade de vicepresidente do organismo, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias

Lugo, 21 de xaneiro de 2025

O Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento de Lugo, integrado pola Xunta e a Deputación de Lugo, e os representantes dos traballadores deste organismo asinaron hoxe o novo convenio colectivo e a Relación de Postos de Traballo, tal e como se acordou na xuntanza celebrada o pasado decembro. No acto de sinatura participou por parte do Goberno galego o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, en calidade de vicepresidente do organismo, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Entre as melloras que se recollen figuran a incorporación de 26 efectivos, un aumento salarial anual de 6.000 euros na categoría de bombeiro, redución de 158 horas anuais –das 1.800 horas que facían actualmente ás 1.642 horas acordadas-, recoñecemento como persoal laboral fixo dos traballadores con contrato indefinido no momento da subrogación do pasado 1 de maio do 2019, permisos e licenzas, melloras no equipamento e roupa de traballo, redución da mobilidade entre parques comarcais, axudas sociais ou a disposición de días de asuntos propios.

A sinatura supón a culminación da negociación iniciada despois de que, en febreiro do pasado ano, representantes da Xunta, das deputacións provinciais e dos sindicatos, pecharan un acordo para os parques dos consorcios provinciais contraincendios.

A Xunta e a Deputación luguesa colaboran no funcionamento da media ducia de parques comarcais de bombeiros que dependen do Consorcio, con sedes en Monforte de Lemos, Chantada, Sarria, Barreiros, Vilalba e Viveiro. O Goberno galego mantén o seu compromiso na atención ás emerxencias en todo o territorio galego, neste caso para apoiar a actividade dos parques de bombeiros da comunidade, a través dos consorcios. Ademais, a Xunta colabora cos servizos de emerxencias dos concellos tanto no seu funcionamento como na dotación de equipamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/01/2025