A residencia de maiores da Xunta en Campolongo recibe o certificado de centro libre de suxeicións
Esta á segunda residencia da rede pública autonómica en obter este recoñecemento, tras a coruñesa Torrente Ballester
Pontevedra, 26 de xaneiro de 2025
A Xunta segue a reducir a utilización de mecanismos de contención nos seus centros de maiores ao máximo posible, indo máis alá do cumprimento da normativa. A residencia de Campolongo, pertencente á rede pública autonómica, acaba de obter o recoñecemento de centro libre de suxeicións por parte da Confederación Española de Organizacións de Maiores (Ceoma).
Esta residencia pontevedresa é a segunda en obter este certificado, tras a Torrente Ballester na Coruña. A eliminación de elementos de retención forma parte do novo modelo de coidados que está a desenvolver o Goberno galego e que ten entre os seus eixos, que os usuarios sexan o centro da atención procurando un trato mais persoal e humano.
Con esta finalidade, o modelo de coidados galego reforza a formación continua do persoal, promove melloras arquitectónicas nas residencias para facelas máis accesibles e introduce un maior aproveitamento das novas tecnoloxías para a detección de caídas e outras incidencias.