A Xunta licita por 3,76 M€ as obras de mellora do abastecemento no municipio de Ares

A actuación ten como fin poñer á disposición da veciñanza auga potable de calidade, presións de subministración axeitadas e garantir en todo momento o servizo

Tamén se busca dotar ao municipio dunha capacidade de reserva suficiente para afrontar eventuais situacións de emerxencia ou de escaseza hídrica

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2025

A Xunta, a través de Augas de Galicia, acaba de licitar por un orzamento base de 3,76 millóns de euros, IVE incluído, a obra de mellora no sistema de abastecemento do concello de Ares (A Coruña). Cómpre lembrar que esta actuación se poderá levar a cabo grazas ao convenio de colaboración asinado a finais do ano pasado entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Concello de Ares.

En concreto, a intervención prevista suporá a construción dun depósito de regulación para auga potable de 3.400 metros cúbicos de almacenamento, a creación dunha liña de adución de 2,5 quilómetros de lonxitude desde a condución xeral na contorna do lugar da Barca e a construción dunha liña de distribución de 1,6 quilómetros desde ese novo depósito ata a súa conexión á rede existente na zona de Pedrós.

A estas actuacións engádense outras complementarias, como a instalación de distintas cámaras, unha liña de baleirado e desbordamento desde o depósito de auga ata o medio acuático receptor de 1,5 quilómetros, a instalación de equipamentos de control e a urbanización das zonas que serán obxecto da actuación.

A finalidade destas obras é mellorar o actual sistema de abastecemento de Ares para poñer á disposición da veciñanza auga potable de calidade, presións de subministración axeitadas e garantir, en todo momento, a prestación do servizo ao conxunto do municipio. Ao mesmo tempo, búscase dotar ao concello coruñés dunha capacidade de reserva de auga potable nunha cantidade adecuada para afrontar posibles situacións de emerxencia e escaseza. Así, a rede proxectada dará servizo a unha poboación equivalente de 6.751 habitantes con horizonte temporal en 2045.

Con esta actuación, o Goberno galego demostra unha vez máis o seu compromiso de colaboración cos concellos (que son os competentes en materia de abastecemento, saneamento e depuración) para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías da Comunidade e mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía.

Cómpre lembrar que o convenio subscrito entre ambas administracións —con vixencia ata 2028 e posibilidade de prórroga posterior— prevé un investimento total de preto de 4,3 millóns de euros cofinanciados pola UE a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder 2021-2027). Nesta contía inclúese o orzamento previsto tanto para a obra (que se acaba de licitar por 3,76 millóns) como os custos dos contratos de Seguridade e Saúde e a Dirección da obra, aínda pendentes.

Data de actualización: 26/01/2025