Publicada no Diario Oficial de Galicia o reforzo da estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade para mellorar a atención neste ámbito
A Xunta crea nos seus departamentos territoriais servizos específicos para discapacidade
Habilítanse catro Xefaturas de servizo específicas, unha por provincia
Esta medida forma parte do Plan galego de axilización y simplificación, en vigor desde o pasado día 1 de xaneiro
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2025
A Xunta de Galicia crea nos seus departamentos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo servizos específicos para á valoración da discapacidade. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto que reforza a estrutura organizativa da Consellería de Política Social e Igualdade, co fin de dotarse dunha maior especialización e gañar en eficiencia neste ámbito.
En concreto, crearanse catro Xefaturas de servizo de discapacidade, unha por provincia. Isto permitirá ter Xefaturas de servizo en exclusiva para cada área: dependencia e discapacidade, ao igual que se fixo nos servizos centrais. Deste xeito, garántese unha mellor planificación, coordinación e dirección do persoal e das tarefas asignadas.
Esta medida está recollida no Plan de axilización e simplificación da dependencia e da discapacidade que entrou en vigor o pasado día 1 de xaneiro e que ten como obxectivo seguir mellorando o acceso aos servizos, reducir os prazos e a burocracia e unificar os trámites.
Para conseguilo, o Plan permite que soamente coa solicitude se poda iniciar o proceso, sen ningún outro documento máis, e que tanto a dependencia como a discapacidade se resolvan de maneira conxunta. Tamén establece unha vía preferente para as persoas maiores de 80 anos, mantén o reforzo dos equipos de valoración e mellora o sistema de citación.
Así mesmo, rebaixa a carga de tarefas administrativas dos traballadores sociais dos concellos para que se poidan centrar no asesoramento e orientación ás persoas, podendo presentar por eles as solicitudes por sistema electrónico.