Belén do Campo visita a nova casa do maior que empezará a funcionar este ano en Irixoa

A nova orde de axudas do 2024 permitiu a apertura de oito casas novas na provincia da Coruña o que eleva a 45 o número total de unidades deste tipo na Coruña este ano

A delegada subliñou sinalou que se trata dun servizo fundamental para garantir a mellor atención e coidado aos maiores das zonas máis despoboadas e lembrou que forma parte da aposta da Xunta de Galicia para posibilitar o envellecemento activo

Irixoa  (A Coruña), 28 de xaneiro 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Irixoa, Antonio Deibe e pola directora territorial da Consellería de Política Social e Igualdade, María Blanco, visitou a nova casa do maior Agarimo que abre as súas portas este ano. A orde de axudas do ano pasado permitiu crear oito novas casas do maior na provincia concretamente, unha en Irixoa, unha en Ponteceso, dúas en Dumbría, dúas en O Pino  e dúas en Fisterra. Con estas novas incorporacións xa son 45 as casas deste tipo na provincia o que eleva a 225 as prazas dispoñibles e concretamente, na comarca de Betanzos contan con estes servizos gratuítos Irixoa, Abegondo, Vilarmaior e Aranga, ofertando en total 20 prazas.

Belén do Campo lembrou que a Xunta destinou 1,3 millóns de euros para incrementar 20 novas casas do maior en Galicia con prazas 100% gratuítas para persoas maiores de 60 anos que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con servizos de atención diúrna. Deste xeito, nestes momentos, en Galicia hai máis de 140 casas do maior en funcionamento na comunidade galega.

A representante do Goberno autonómico sinalou que se trata dun servizo fundamental para garantir a mellor atención e coidado aos maiores das zonas máis despoboadas e lembrou que forma parte da aposta da Xunta de Galicia para posibilitar o envellecemento activo e o benestar das persoas da terceira idade.

Axuda complementaria de 150 euros

As casas do maior é unha medida pioneira que o Executivo autonómico comezou a implantar no ano 2018 e na que desde entón leva investidos 22,4 millóns de euros. Os promotores destes recursos reciben subvencións para as obras de acondicionamento dos inmobles nos que prestarán o servizo, para o mantemento da actividade e para o desprazamento dos usuarios. Así mesmo e como novidade, esta orde establece unha axuda complementaria de 150 euros semanais nos casos de baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada da casa do maior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/01/2025