A Xunta destinou o ano pasado 1,5 M€ a obras e dotación de equipamento de 162 entidades veciñais da provincia de Pontevedra

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presentou hoxe a colectivos de Lalín a convocatoria deste exercicio publicada a mediados de mes e á que se poden presentar as solicitudes ata o 17 de febreiro 

Destacou o incremento de 1M€ na orde deste 2025 ata acadar os 4M€ co obxectivo de dar resposta á elevada demanda e ao éxito da orde nos últimos anos

Lalín (Pontevedra), 28 de xaneiro de 2025

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, explicou hoxe a entidades veciñais do concello de Lalín a nova orde de axudas do Plan específico de Acción Comunitaria destinada a asociacións de veciños, de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas publicada a mediados deste mes e lembrou que aínda se poden presentar as solicitudes ata o 17 de febreiro.

No acto, no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, destacou o incremento de 1 millón de euros na partida destinada a estas subvencións, ata acadar os 4 millóns de euros. Deste xeito, preténdese dar resposta ao éxito da convocatoria nos últimos anos. De feito, o ano pasado os 3 millóns de orzamento investíronse en 341 proxectos de obras e equipamento en locais sociais o nas traídas de auga. No caso da provincia de Pontevedra, destináronse 1,6 millóns de euros a actuacións de 162 entidades.

Natalia Prieto destacou que, ademais de dar resposta á elevada demanda, con este aumento orzamentario o Goberno galego busca recoñecer o papel fundamental destes colectivos. Nesta liña, incidiu en que realizan un importante traballo na dinamización da vida local e na mellora da calidade de vida da cidadanía. Ademais, engadiu que son as entidades máis próximas aos seus veciños e veciñas para canalizar as súas demandas. Por iso, confirmou o compromiso da Xunta con esta liña de axudas que, desde a súa posta en marcha en 2016, permitiu o investimento de 22 millóns de euros en case 2.000 iniciativas.

A directora xeral de Administración Local explicou que a convocatoria consta de dúas liñas: unha de 3,4 millóns de euros para obras de acondicionamento nos locais de asociación de veciños ou de mulleres rurais e nas traídas de auga das comunidades de usuarios de augas, e outra cos 600.000 euros restantes reservadas á dotación de equipamento.

As axudas económicas concedidas -aclarou- poderán acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros no caso da liña de obras e de 5.000 euros en equipamento.

Cómpre destacar que as obras previstas nos locais sociais abarcan actuacións relacionadas coa eliminación de barreiras arquitectónicas ou melloras en estruturas, fachadas, cubertas, parámetros interiores, ventás, teitos ou obras de fontanería, sistemas de climatización, saneamento ou electricidade. No que se refire ás instalacións das traídas de auga comunitarias poderase intervir en obras sobre captacións, canalizacións e depósitos destinadas a reducir as perdas de auga e en traballos cos que mellorar a xestión, medición ou control da calidade da auga ou optimizar a eficiencia enerxética na traída.

Por último, a contía destinada a equipamento inclúe a adquisición de mobiliario, así como equipamento informático ou acústico e audiovisual.

Data de actualización: 29/01/2025