O conselleiro do Mar respondeu no Parlamento a unha pregunta sobre a produción marisqueira
Villares destaca a execución do Plan do Marisqueo coa mobilización de 70 M€ e o traballo científico dos centros de investigación mariña e universidades
O responsable autonómico sinala que os bancos marisqueiros aínda non se recuperaron das consecuencias do episodio de extraordinarias precipitacións do outono do 2023
Destaca proxectos enfocado no estudo das distintas causas implicadas no descenso da produción e o deseño de solucións biotecnolóxicas como a obtención de marcadores moleculares de resistencia á salinidade no berberecho
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou hoxe no Parlamento o grao de execución do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia 2024-2027 que está dotado con 123 M€ dos cales, dixo, que xa foron mobilizados 70 M€ en diferentes liñas de axuda ao sector. Recursos que permitiron realizar accións encamiñadas a reforzar a actividade extractiva, a mellora das zonas produtivas e implantar medidas de conservación dos recursos mariños.
Así, recordou que este mesmo mes de xaneiro a Consellería publicou no DOG varias liñas de axuda destinadas á mellora e xestión dos bancos marisqueiros así como para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación por un valor conxunto de 3,4 M€. Deste xeito, reivindicou o traballo do Goberno galego enfocado en rexenerar máis bancos a curto e medio prazo, xerar novas zonas de traballo, reforzar a vixilancia e o labor dos biólogos, diversificar a produción e mellorar a comercialización ademais de procurar especies máis resilientes.
O titular de Mar encadrou a situación actual da produción nos efectos do episodio de alta mortaldade de bivalvos provocada pola abrupta baixada da salinidade das augas a causa das extraordinarias e intensas choivas do outono do 2023 do cal os bancos marisqueiros aínda non se recuperaron. Co obxectivo de mellorar a resiliencia da actividade marisqueira ante estes fenómenos, no marco dos efectos do cambio climático, a Consellería do Mar está apoiando o desenvolvemento de proxectos de investigación liderados polos centros de investigación mariña e das universidades da comunidade.
Entre as iniciativas financiadas polo Goberno galego destacou o proxecto Biorem, no que participa o Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura (Cetga) e no que colabora a Universidade de Coruña que aborda o estudo da implantación de estratexias de cultivo eficaces que faciliten a supervivencia dos bivalvos así como dous traballos a cargo da Universidade de Santiago de Compostela coa finalidade de, por un lado, obter marcadores moleculares de resistencia á salinidade no berberecho, e por outro, ao estudo dos efectos da carga de cultivo de moluscos sobre as rías galegas. Liñas de investigación que supoñen un investimento de case 1,3 M€ e que permitirán afondar na competitividade e sostibilidade da actividade marisqueira na comunidade.
O responsable autonómico reclamou unidade no desenvolvemento destas políticas, sustentadas no diálogo constante co sector e da man da mellor ciencia, para seguir identificando as causas que interveñen no descensos cíclicos da produción marisqueira para, mediante a aplicación de solucións biotecnolóxicas, mitigar os seus efectos. Un liña de acción sobre o que pivota a actuación da Consellería do Mar para garantir o futuro da actividade marisqueira que resulta esencial para Galicia.