A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá na presentación deste novo recurso
A Xunta inviste 4 M€ no futuro centro integral de Friol que situará a Galicia como referente na atención ás persoas con trastorno do espectro autista
Fabiola García destaca que esta nova residencia, que será xestionada por Aspanaes e contará con 48 prazas, permitirá crear novos postos de traballo, favorecendo o asentamento de poboación no rural
A conselleira pon en valor a colaboración entre a Administración autonómica e o tecido asociativo para seguir mellorando a vida das persoas con discapacidade
Friol (Lugo), 7 de febreiro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá na presentación do que será o futuro centro de atención integral a persoas con autismo en Friol, ao que a Xunta destinará catro millóns de euros e que contará con 48 prazas residenciais. Durante o acto, destacou que este recurso pioneiro e de vangarda situará a Galicia como un referente nesta materia e permitirá a creación de novos postos de traballo, favorecendo o asentamento de poboación no rural.
Fabiola García subliñou que este novo recurso “suporá unha revolución e un antes e despois na atención ao autismo na nosa comunidade”, ao tempo que se dará resposta a unha demanda histórica das familias. Así o destacou na visita, na que estivo acompañada polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, polo alcalde de Friol, José Ángel Santos, e pola directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón. O acto tamén contou coa participación, entre outras autoridades, de Ángel Carracedo, experto en xenética, catedrático de Medicina Legal e Director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.
A conselleira aproveitou a ocasión para agradecer o traballo de Aspanaes, a entidade social que se encargará da xestión do centro, e sinalou que “o fará coa garantía da súa ampla experiencia de máis de 40 anos traballando no benestar das persoas con TEA”. Ademais, agradeceu ao Concello de Friol a cesión dunha parcela situada no centro urbano, co que facilitará a autonomía dos futuros usuarios do centro. Nesta mesma liña, destacou a colaboración entre a Administración autonómica e o tecido asociativo para seguir mellorando a vida das persoas con discapacidade e acadando importantes fitos.
Fabiola García fixo fincapé no compromiso da Xunta para que a nosa comunidade sexa cada día máis aberta, máis plural e inclusiva. Por iso, puxo en valor a construción deste centro que supón un novo avance na atención ás persoas con discapacidade. Así, lembrou que o Executivo galego seguirá traballando da man do tecido asociativo para seguir impulsando recursos que melloren a vida das persoas.