Agolada mellorará a eficiencia enerxética da Casa do Concello grazas a unha achega da Xunta de preto de 120.000 euros
O delegado territorial destacou a importancia de levar a cabo obras que diminúan os gastos correntes dos concellos, así como a súa pegada de carbono
A subvención permitirá mellorar o illamento das paredes exteriores, instalar un novo sistema de climatización e substituír as actuais luminarias por outras LED de baixo consumo
Agolada, 7 de febreiro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Agolada con motivo das obras de rehabilitación e mellora enerxética que se van levar a cabo na Casa do Concello e que serán posibles grazas a unha achega da Xunta de preto de 120.000 euros.
Así, o concello espera actuar sobre tres categorías principais a fin de diminuír o gasto enerxético. Por un lado, mellorarase a envolvente térmica do edificio mediante a colocación de trasdosado autoportante e a instalación de novas ventás de aluminio lacado e dúas follas que permitirán mellorar o illamento da Casa do Concello.
Por outro lado, melloraranse os sistemas de calefacción e climatización, ao substituír a actual caldeira de gasóleo por un sistema de bomba de calor mediante un equipo de aerotermia de alto rendemento.
Por último, o proxecto contempla a instalación dun novo sistema de iluminación eficiente, substituíndo as luminarias actuais por unhas LED de baixo consumo.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia de apostar por “edificios máis eficientes enerxéticamente, non só para diminuír os gastos correntes dos concellos, senón tamén para paliar a súa pegada de carbono”.
Cabe destacar que esta subvención encádrase na Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027, que ten como obxectivo contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático. Na área territorial de Pontevedra beneficiáronse desta liña de axudas oito concellos por valor de máis de 856.000 euros.