A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta e o concello de Toén avalían o proxecto para dotar de saneamento ao núcleo de Fonte Larelle

Ángeles Vázquez reitera que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Toén, Ricardo González, avaliaron hoxe o proxecto municipal para dotar de saneamento ao núcleo de Fonte Larelle.

Durante unha reunión que mantiveron hoxe en Santiago de Compostela, o rexedor trasladou á conselleira a iniciativa do concello, que cun orzamento inicial estimado de 75.000 euros, permitiría dotar deste servizo á veciñanza nesa contorna da parroquia de Santa María de Toén.

Ángeles Vázquez, ademais de comprometerse a que o persoal de Augas de Galicia estudará o proxecto de cara a establecer vías de colaboración para acometelo, subliñou a disposición do órgano de conca a colaborar co concello na mellora das instalacións de saneamento en varios núcleos da localidade.

Nesa liña, a conselleira reiterou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.

De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5 %, ata os 144 M€, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.

O obxectivo principal será facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2025