Belén do Campo lembra que a Xunta ten aberto, ata o 17 de febreiro, o prazo para solicitar as axudas para as asociacións veciñais

A delegada da Xunta visitou as asociacións de veciños de O Outeiro de San Mamede de Monte e de Camiño Real Santa María de Ordoeste, nas que se levaron a cabo as actuacións con cargo á convocatoria do ano pasado

A representante do Goberno autonómico lembrou que, este ano, o orzamento da orde se incrementa ata os 4M€, un millón máis que o ano pasado

A Baña (A Coruña), 11 de febreiro de 2025

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou as asociacións de veciños de O Outeiro de San Mamede de Monte e de Camiño Real Santa María de Ordoeste, nas que se levaron a cabo varias actuacións con cargo ás axudas da Xunta dirixidas ás entidades veciñais. O prazo para solicitar estas axudas da convocatoria de 2025 está aberto ata o 17 de febrero. Poden solicitalas as asociacións veciñais (incluídas confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños), comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais para a realización de obras nos locais sociais, adquisición de mobiliario e equipamento e reparación de captacións e traídas de auga, no caso das comunidades de usuarios de augas. As asociacións poderán solicitar o pago anticipado do 100% da contía da subvención concedida.

Durante a visita, a delegada puido comprobar as melloras realizadas no acondicionamento do local social da asociación Outeiro de San Mamede de Monte, que contaron cun apoio do Goberno autonómico de case 12.000 euros e as melloras de accesibilidade do local da entidade veciñal Camiño Real Santa María de Ordoeste, que tiveron unha axuda de case 11.000 euros. Ambas asociacións tamén recibiron 4.700 e 4.500 respectivamente da liña destinada á dotación de equipamentos.

A representante do Goberno autonómico puxo en valor a excelente acollida desta orde de axudas no Concello da Baña, xa que se repartiron 7 axudas entre 5 asociacións de veciños e de mulleres deste municipio por un importe total de case 45.000 euros. Na comarca de Santiago de Compostela contaron con estes apoios 24 entidades por un importe total de máis de 189.000 euros, repartidos en 9 axudas para obras e 19 para equipamentos.

Belén do Campo explicou que a convocatoria deste ano conta con 4 M€ de orzamento, un máis que o pasado ano, o que supón un incremento do 33,3% co que o Goberno galego pretende recoñecer o papel fundamental que estas entidades xogan na dinamización da vida social e cultural e na mellora da calidade de vida dos veciños, especialmente en zonas rurais

Lembrou que, como todos os anos, a orde conta con dúas liñas de actuación: unha destinada a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais das asociacións veciñais e de mulleres rurais e para obras nas traídas de augas comunitarias, dotada de 3,4 M€ e outra para a dotación de equipamento para o funcionamento das mesmas e a organización de actividades específica que conta con outros 600.000 euros de orzamento.

No que se refire ás instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas explicou que poderá actuarse en obras sobre captacións, canalizacións e depósitos destinados a reducir perdas de auga e en outros traballos cos que mellorar a xestión, medición ou control da calidade da auga ou optimizar a eficiencia enerxética da traída.

A delegada lembrou que as contías económicas poden cubrir o 100% do investimento realizado ata un máximo de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 para a dotación de equipamentos.

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta e as asociacións deberán estar inscritas no rexistro de entidades de Galicia ou no libro de rexistro de augas do correspondente organismo de conca como titulares de aproveitamento de augas no caso das comunidades de usuarios de augas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2025