A conselleira de Política Social e Igualdade respondeu unha pregunta oral no Parlamento
Fabiola García destaca que o novo plan posto en marcha pola Xunta permitiu en 40 días homologar o grao de discapacidade a máis de 6000 persoas
O Executivo galego ofrecerá unha prestación automática a todas as persoas con dependencia recoñecida que non poidan acceder inmediatamente ao servizo da súa preferencia
Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou que o novo Plan de axilización e simplificación da dependencia e discapacidade permitiu en só 40 días homologar o grao de discapacidade a máis de 6000 persoas. Así o destacou esta tarde durante a resposta a unha pregunta oral no Parlamento.
A conselleira sinalou que o novo plan entrou en vigor no mes de xaneiro e xa se comezaron a ver os primeiros avances, ao tempo que indicou que o próximo obxectivo é o pago efectivo dunha axuda económica de xeito automático ás persoas dependentes cando non poidan desfrutar do servizo de atención público da súa preferencia de xeito inmediato, tal e como avanzou o presidente Rueda.
Fabiola García tamén fixo fincapé en que as novas medidas aprobadas contemplan tamén “unha vía preferente para as persoas maiores de 80 anos e doentes de ELA”, así como un reforzo dos equipos de valoración e a creación, durante o mes de xaneiro, de catro xefaturas de Servizo de Discapacidade, unha por cada provincia. Deste xeito, recalcou que “actualmente hai máis de 100 persoas dedicadas en Galicia a facer valoracións” e engadiu que se trata “dunha cifra que aumentaremos segundo as necesidades”.
A conselleira de Política Social e Igualdade tamén criticou a falta de compromiso do Goberno central coas persoas maiores e recalcou que mentres a Xunta traballa segue avanzando na atención á dependencia, o Executivo central continúa modificando a normativa sen consensualo, nin coas Comunidades Autónomas nin coas Administracións locais, e sen aportar a financiación necesaria para garantir os servizos.
Nesta liña, lembrou o compromiso da Xunta de Galicia coa atención á dependencia e que se manifesta, sinalou, a través dos orzamentos. Así, lembrou que en 2025 o Executivo galego destina máis de 700 millóns de euros a esta materia, un 11% máis que o ano anterior. Ademais, destacou que a nosa comunidade conta cun dos mellores ratios de atención, un 98,4% que se sitúa seis puntos por enriba da media nacional.