A Xunta contribúe á mellora dos espazos verdes da oficina de turismo municipal de Cedeira a través das axudas do Fondo de Compensación Ambiental
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá as actuacións levadas a cabo neste espazo con cargo a esta orde de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Lembrou que está aberto o prazo de solicitude da convocatoria deste ano dotada dun orzamento de 11,2 M€
Cedeira (A Coruña), 17 de febreiro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, visitou esta mañá o Palacete municipal da vila, cuxas zonas verdes foron remudadas grazas a unha axuda de máis de 88.000 euros da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA).
A través desta liña de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes dirixida ás entidades locais, o Concello de Cedeira acometeu a mellora e integración paisaxística dos espazos verdes da oficina de turismo municipal situada no edificio do Palacete onde tamén se subministraron 30 papeleiras. Ademais coa axuda se sufragaron os gastos de contratación de persoal para o funcionamento de diferentes servizos municipais.
O Concello de Cedeira é un dos 14 municipios das bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal que o pasado ano se beneficiaron do Fondo de Compensación Ambiental -tanto da liña competitiva como da non competitiva- que deixou axudas por valor de preto de 950.000 euros na zona.
Durante a visita, a delegada territorial advertiu da importancia de estar ao carón das Administracións locais con actuacións como estas que optimicen os seus recursos e aproveitou a ocasión para animar aos Concellos da zona a presentarse á nova convocatoria de 2025 que está aberta e que conta cun orzamento de 11,2 M€.
O Fondo de Compensación Ambiental foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. Conta con dúas liñas: unha non competitiva, dirixida aos concellos nos que haxa parques eólicos ou afectados pola conexión ou vía de evacuación e a competitiva destinada a todos os municipios e a mancomunidades ou consorcios locais de Galicia.
Entre as actuacións subvencionables englóbanse aqueles investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio como campañas divulgativas e de sensibilización sobre boas prácticas ambientais, plans e proxectos ambientais; as accións de eficiencia enerxética e de redución da contaminación lumínica; ou as melloras enerxéticas nas instalacións municipais, xa sexa na envolvente do edificio, iluminación e climatización interior e instalación de caldeiras de biomasa, paneis solares térmicos ascensores eficientes ou sistemas de aforro de auga. Tamén se financia ao abeiro destas axudas a adquisición de vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco, así como os destinados a actuacións a prol da contorna natural e para a recollida e traslado de residuos.
A delegada territorial sinalou que tamén poden acollerse a estas axudas as infraestruturas destinadas á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais (centros de interpretación, aulas de natureza, paseos, áreas recreativas, rutas de sendeirismo...), as actuacións a prol da integración paisaxística nos núcleos rurais e os proxectos para evitar a degradación e facilitar o control ambiental no ámbito municipal (equipamento para a recollida de residuos, proxectos de saneamento e abastecemento de auga, maquinaria para a protección de ambiente, recuperación de espazos degradados ou obras en edificios para reducir os riscos derivados da exposición ao gas radón). A maiores, as axudas cobren tamén os gastos do persoal vinculado á execución das accións subvencionables.