A Comunidade de Usuarios de Outeiro Cabado mellorou o seu sistema de tubaxes grazas a unha axuda da Xunta de 12.000 euros

Máis de 100 entidades da área territorial de Pontevedra recibiron un total de máis de 1 millón de euros para mellora das súas instalacións e compra de material

O delegado territorial destacou a importancia de contar cunhas comunidades de usuarios comprometidas e responsables

A nova convocatoria desta liña de axudas conta cun orzamento de 4 millóns de euros, un máis que o ano pasado

Caldas de Reis (Pontevedra), 24 de febreiro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da Comunidade de Usuarios de Outeiro Cabado, no concello de Caldas de Reis, que recibiu unha axuda de 12.000 euros da Xunta para mellorar as súas infraestruturas. 

Estas axudas, xestionadas pola dirección xeral de Administración Local, beneficiaron a máis de 100 entidades na área territorial de Pontevedra, cunha achega total nesta área de máis de un millón de euros entre a liña destinada a obras e a destinada a compra de material. No concello de Caldas de Reis tamén se beneficiou destas axudas a Asociación de Mulleres Carballeira-Caldas de Reis, que recibiu unha achega de 3.200 euros para a adquisición de equipamentos básicos para o seu local. 

No caso da comunidade de usuarios de Outeiro Cabado, o investimento da Xunta permitiu reducir as perdas de auga grazas á substitución da antiga tubaxe por unha nova dende os manantiais ata o depósito, un tramo de preto de 2500 metros no que se concentraban varios puntos de perdas. Esta substitución permitiu ademais reducir o risco de filtracións que contaminasen a auga. 

Os usuarios que se reuniron esta mañá co delegado destacaron a importancia destas axudas que lles permiten mellorar as súas infraestruturas sen necesidade de pedir grandes desembolsos aos veciños. 

Pola sua banda, Reguera confirmou que “a Xunta seguirá a apoiar a este tipo de entidades que prestan un servizo fundamental para os veciños e veciñas de moitas parroquias galegas”. O delegado tamén aproveitou para agradecer “o traballo incansable e voluntario das directivas destas asociacións que inverten o seu tempo e esforzo de forma desinteresada, pensando unicamente no ben da súa comunidade”.

Cabe destacar que hoxe publicáronse no DOG as as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora das instalacións das comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano, unhas axudas xestionadas por Augas de Galicia que igualmente van dirixidas a mellorar os servizos prestados por estas comunidades de usuarios.

Nova convocatoria

A nova convocatoria destas subvencións contará con un millón de euros máis de orzamento que a edición pasada, chegando aos 4 millóns de euros. Deste xeito, preténdese dar resposta ao éxito da convocatoria nos últimos anos. De feito, o ano pasado os 3 millóns de orzamento investíronse en 341 proxectos de obras e equipamento en locais sociais ou nas traídas de auga de toda Galicia. 

Así, esta nova convocatoria consta de dúas liñas: unha de 3,4 millóns de euros para obras de acondicionamento nos locais de asociacións de veciños ou de mulleres rurais e nas traídas de auga das comunidades de usuarios de augas, e outra cos 600.000 euros restantes reservadas á dotación de equipamento.

As axudas económicas concedidas poderán acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros no caso da liña de obras e de 5.000 euros na de equipamento.

Dende a sua posta en marcha, no ano 2016, esta liña de axudas permitiu levar a cabo  case 2.000 iniciativas por valor de 22 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2025