A Xunta aborda os cambios organizativos que supón a nova Lei de medidas de eficiencia do servizo público de xustiza
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou nun foro sobre a normativa organizado polos colexios da Avogacía e de Procuradores de Vigo
Vigo, 27 de febreiro de 2025
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe nas Xornadas sobre a Lei de medidas de eficiencia do servizo público de xustiza, organizada polos colexios da Avogacía e de Procuradores de Vigo, onde afondou nos cambios organizativos que supón esta nova norma aprobada polo Goberno central o pasado xaneiro.
Así, segundo sinalou, entre outras adaptacións, a lei suporá actualizar os modelos de referencia das oficinas xudiciais, o seu regulamento e protocolos locais de actuación, elaborar e aprobar as relacións de postos de traballo en consenso coas organizacións sindicais, ademais da asignación de persoal aos postos de traballo correspondentes á nova organización, a adecuación das instalacións e a dotación de aplicacións informáticas, o acondicionamento dos arquivos físicos e virtuais de expedientes e a execución de plans de comunicación e información ás partes interesadas.
A Xunta xa está a traballar para desenvolver a oficina xudicial co obxectivo de cumprir co que se demanda na lei. Deste xeito, os xulgados unipersoais cambian de nome e pasan a chamarse tribunais de instancia. Así mesmo, José Tronchoni, garantiu a permanencia dos 268 xulgados de paz en Galicia, que pasan a denominarse oficinas de xustiza do municipio, tan importantes pola características propias da Comunidade polo gran peso da dispersión rural e a necesidade de aproximar a Administración á cidadanía. Incidiu tamén no compromiso do Goberno galego de dotalos dos medios electrónicos adecuados para cumprir coas novas funcionalidades que a lei lles atribúe. Ademais, modifícase a súa estrutura, xa que as oficinas xudiciais colaboran cos tribunais de instancia do partido xudicial ao que pertencen.
A medida tería que aplicarse antes do 1 de xullo en 38 dos 45 partidos xudiciais, agás nos das cidades e capitais que teñen de prazo ata o 31 de decembro. Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta está pendente de que o Goberno central clarifique as funcións que poidan asumir as oficinas de xustiza e de que se aproben os modelos de referencia actualizados que serven de base para aprobar as Relacións de Postos de Traballo (RPT) das oficinas de xustiza nos municipios.