Miguel Corgos equipara o edificio do Banco Pastor no seu centenario á capacidade de Galicia para xerar riqueza e crecemento

O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou no acto de celebración do século de existencia do emblemático rañaceos da Coruña

A Coruña, 5 marzo de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, comparou esta tarde o edificio do Banco Pastor no seu centenario coa capacidade de Galicia para xerar riqueza e crecemento, xa que representa a confianza e a estabilidade como testemuña dun século de transformacións, progreso e desenvolvemento económico da Comunidade galega.

Miguel Corgos participou no acto de celebración dos 100 anos da existencia do emblemático edificio do Banco Pastor, organizado polo Banco Santander. O conselleiro de Facenda puxo en valor as alianzas entre o sector público e o privado para mirar cara ao futuro aprendendo do pasado, sabendo que o progreso se constrúe con visión e con esforzo.

Miguel Corgos lembrou que o edificio do Banco Pastor foi un fito da arquitectura cando se construíu nos anos 20 do século pasado, pola súa altura e modernidade e afirmou que, na actualidade, grazas á súa solidez e afán de permanencia, pode ser unha metáfora do carácter dos galegos e das galegas e dos obxectivos do Goberno da Xunta, porque “traballa para dar estabilidade e certezas ao tecido empresarial galego e oportunidades de futuro a todos os cidadáns”.

Miguel Corgos rematou afirmando que este edificio segue a ser unha dos sinais de identidade da cidade herculina e unha proba de que “os galegos e as galegas evolucionamos, pero non esquecemos o mellor de nós mesmos, miramos ao futuro respectando o noso pasado”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2025