A cafetería Ashe de Pontevedra reforma o seu falso teito grazas a unha axuda de 25.300 euros da Xunta para establecementos turísticos de restauración
A axuda tamén permitiu a adquisición de novos sistemas de aire acondicionado
As subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas de aloxamentos e restauración beneficiaron a máis de 55 establecementos da provincia de Pontevedra por valor de preto de 1,5 millóns de euros
A nova convocatoria desta liña de axudas remata hoxe e conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros para toda Galicia
Pontevedra (Pontevedra), 11 de marzo de 2025
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a cafetería Ashe, no concello de Pontevedra, con motivo das actuacións realizadas ao abeiro das subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas de aloxamentos e restauración que ofrece a Xunta a través de Turismo de Galicia.
Así, o xerente do espazo puido realizar distintas actuacións de mellora das instalacións do establecemento grazas a unha achega de máis de 25.300 euros da Xunta. Entre elas, esta subvención permitiu substituír o falso teito e colocar novas luminarias e adquirir novo equipamento de aire acondicionado, tanto para a zona de acceso da cafetería como para o interior.
Cabe destacar que na provincia de Pontevedra beneficiáronse destas axudas máis de 55 establecementos por valor de preto de 1,5 millóns de euros.
O delegado territorial destacou o apoio da Xunta a todos “os empresarios e empresarias galegas e, moi especialmente, aos emprendedores que arriscan o seu tempo e o seu patrimonio para xerar postos de traballo e prosperidade”. Reguera tamén aproveitou a visita para poñer en valor o “excelente servizo que se ofrece en Galicia e que cada ano atrae a máis visitantes, sobre todo en cidades como Pontevedra, que son parada case obrigada para os peregrinos do Camiño Portugués.
O prazo para solicitar a nova convocatoria desta liña de axudas remata hoxe, día 11 de marzo. Este ano a convocatoria conta con 1M€ máis de orzamento, co que o sector contará con 4,5M€ en toda Galicia para estas actuacións.