A Xunta abre o prazo para solicitar as axudas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local destinadas a concellos con menos de 15.000 habitantes
Anunciouno o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, nunha visita a Padrón para coñecer as melloras feitas no pavillón do Souto ao abeiro da anterior convocatoria
A orde, dotada con 5 millóns de euros para obras de eficiencia enerxética en infraestruturas municipais, publicouse onte no Diario Oficial de Galicia
Con achegas de ata 60.000 euros, dáselles prioridade ás actuacións en instalacións deportivas, educativas, sociais, sanitarias e culturais
A medida forma parte das distintas liñas de apoio aos concellos, a través das que o Goberno galego investiu en Padrón preto de 1,4 millóns de euros nos últimos anos
Padrón (A Coruña), 13 de marzo de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe en Padrón o pavillón polideportivo do Souto para coñecer as melloras de eficiencia enerxética realizadas co apoio da Xunta a través do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local. Durante a visita, o conselleiro anunciou a apertura, hoxe, do prazo para solicitar estas axudas a través da orde que establece os criterios e o procedemento para a distribución do fondo adicional, que conta cunha dotación de 5 millóns de euros.
Segundo explicou, a medida publicada onte no Diario Oficial de Galicia vai dirixida aos concellos con poboación inferior a 15.000 habitantes e ten como obxectivo financiar obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios municipais, con prioridade para instalacións deportivas, educativas, sociais, sanitarias ou culturais.
Tamén se valora o tipo de investimento, con maior puntuación para a instalación de caldeiras alimentadas con enerxías renovables ou reformas de cubertas a prol da eficiencia enerxética en infraestruturas de uso deportivo. A maiores tense en conta as melloras da envolvente térmica, na instalación eléctrica ou na iluminación, entre outras, así como a necesidade específica das actuacións previstas.
Diego Calvo apuntou que as achegas poden ascender ata os 60.000 euros por concello, sen que a contía poida exceder o custo da actuación, que debe ser dunha única fase e supoñer a posta en servizo inmediata do proxecto.
Así, o conselleiro animou aos concellos a solicitar estas axudas, para o que dispoñen dun mes de prazo a partir de hoxe. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Apoio ás administracións locais
A medida enmárcase no apoio da Xunta ás administracións locais, co Fondo de Cooperación Local como instrumento central de colaboración económica para garantir a suficiencia financeira dos concellos. Nesta liña, Diego Calvo lembrou que neste exercicio o Fondo de Cooperación Local medra ata os 168 millóns de euros, 10 millóns máis que en 2024. As axudas do fondo adicional súmanse ademais a outras convocatorias xa publicadas, como a Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros, o Fondo de Compensación Ambiental, que conta con máis de 11 millóns de euros, ou as axudas plurianuais á eficiencia enerxética cofinanciadas con fondos Feder e cun presuposto de 5 millóns de euros. A elas sumarase a liña de apoio a proxectos estratéxicos do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, posta en marcha en 2024 e dotada con 8,5 millóns de euros.
Preto de 1,4M€ investidos en Padrón
Concretamente en Padrón, as obras visitadas hoxe contaron cunha achega de 60.000 euros, a máxima prevista na orde. O apoio da Xunta permitiu mellorar a eficiencia enerxética do pavillón do Souto a través de actuacións no illamento, co revestimento da cuberta e da parte alta das fachadas con la de roca, na climatización, coa substitución da caldeira de gasóleo por unha bomba de calor, e na iluminación, co cambio dos focos por outros con tecnoloxía Led.
Segundo sinalou Diego Calvo, calcúlase que estas actuacións permitiron reducir nun 40% o consumo anual de enerxía non renovable, así como mellorar o confort das persoas usuarias dunhas instalacións moi demandadas para actividades deportivas municipais e federadas, para escolas deportivas, actividades para maiores e outros eventos. Estas melloras súmanse ás realizadas na pista polideportiva tamén cunha achega da Xunta en 2023, no marco das axudas para obras nos equipamentos deportivos dos concellos ou a adquisición ou renovación de material deportivo para ser utilizado nestas instalacións. Neste caso concedéronse 50.000 euros especificamente para as obras e 8.300 para material.
A maiores, en 2024 Padrón beneficiouse da nova orde de axudas a proxectos estratéxicos, cunha achega da Xunta de case 400.000 euros para unha escola infantil, do Fondo de Compensación Ambiental, con 4.500 euros para a adquisición de equipamento para tarefas ambientais, e da orde de infraestruturas de uso público, con 50.000 euros ao proxecto conxunto con Dodro para a pavimentación dun camiño. No que se refire ao apoio do Goberno galego nos últimos anos, a contía achegada para diferentes actuacións ascende a preto de 1,4 millóns de euros.