O presidente visitou hoxe o enclave, cuxa intervención rematará o vindeiro ano
Rueda destaca os avances nas obras do Castelo de Monterrei e reivindica o seu papel como polo de atracción turístico e cultural
Trátase dunha das intervencións máis ambiciosas en marcha, con 14 millóns de euros de orzamento que proveñen dos Fondos Next Generation, e que abrangue máis de 20.000m2
Sinala a importancia da colaboración institucional para que as actuacións sirvan para dinamizar a toda a comarca
Monterrei (Ourense), 13 de marzo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe os avances nas obras do Castelo de Monterrei e reivindicou o seu papel como polo de atracción turístico e cultural.
Durante a súa visita ás obras de recuperación e rehabilitación do Castelo para comprobar o desenvolvemento das distintas actuacións, Rueda destacou a importancia da obra para “dinamizar toda unha comarca” e poñer en valor “esta xoia arquitectónica”.
Con ese obxectivo, o titular do Goberno galego destacou a magnitude do investimento que provén dos Fondos Next Generation, con 14 millóns de euros de orzamento, e que supón o “máis importante que está facendo a Xunta nun recurso turístico”.
Neste senso, o xefe do Executivo autonómico manifestou a importancia histórica e o recoñecemento que o enclave ten en toda España, sinalando que “ten que haber iniciativa privada que lle de sentido” para convertelo “nun recurso turístico en si mesmo” que “irradie actividade ao resto da comarca”. Para conseguilo, o presidente sinalou a importancia de implicar a todas as administracións públicas.
Máis de 20.000m2 de intervención
O proxecto en marcha no Castelo de Monterrei constitúe unha das obras de restauración máis ambiciosas emprendidas pola Xunta nestes momentos, cun orzamento de máis de 14 millóns de euros e unha superficie comprometida de máis de 20.000m2. Segundo as estimacións, a obra estará rematada o vindeiro ano.
As intervencións inclúen a recuperación dos edificios do Cuartel de infantería, o antigo Concello e o Colexio de San Xoán, así como actuacións adicionais na Praza do Mercado e na de Armas para mellorar a capacidade de aloxamento. Ademais, estanse levando a cabo actuacións adicionais para reforzar o saneamento, abastecemento, capacidade eléctrica e telecomunicacións da contorna.
Plan Xacobeo Next Generation
A intervención no Castelo de Monterrei enmárcase nunha actuación cofinanciada pola Unión Europea a través dos Fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation. Concretamente, o chamado Plan Xacobeo Next Generation, no que a Xunta emprega fondos europeos para realizar actuacións vencelladas co Camiño de Santiago, inclúe, entre outras actividades, a rehabilitación de Bens de Interese Cultural vinculados coa ruta xacobea e a súa posta en valor para usos turísticos.
O Plan abrangue actuacións, entre outros, na Illa de Ons, no cárcere vello de Tui, no Castelo de Santa Cruz de A Guarda, na Casa Museo de Valle-Inclán en Vilanova de Arousa, no cemiterio vello de Mondoñedo ou no Parque do Pasatempo de Betanzos.
O obxecto das actuacións é rehabilitar os espazos públicos, avanzar na mellora da eficiencia enerxética, modernizar os sistemas de xestión de residuos, impulsar a dixitalización ou reforzar a accesibilidade cara un desenvolvemento turístico sostible.