O director de Augas de Galicia visitou a actuación desenvolvida na área recreativa da localidade

A Xunta salienta o investimento de máis de 1,2 M€ para previr asolagamentos en Valga

Roi Fernández explica que xa se acometeron dúas das tres actuacións previstas na localidade para minimizar o risco de inundacións na localidade

Valga (Pontevedra), 13 de marzo de 2025

A Xunta de Galicia destina 1,25 millóns de euros a diversas actuacións para minimizar o risco de asolagamentos na localidade pontevedresa de Valga, no marco do Plan de xestión de risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia Costa 2021-2027.

Tal e como informou hoxe o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, durante a súa visita á área recreativa municipal, o organismo hidráulico asinou co Concello no ano 2021 un convenio de colaboración para acometer tres actuacións, das que dúas xa están concluídas e a terceira está en proceso de tramitación.

Máis polo miúdo, Roi Fernández explicou que o ente autonómico destinou máis de 280.000 euros a mellorar a contorna do río Valga nas proximidades do parque Irmáns Dios Mosquera. Na contorna tamén se acometeu unha actuación complementaria de rehabilitación dunha piscina fluvial para dotar á cidadanía dunha área de lecer.

Tamén están concluídos os traballos para mellorar o estado do río Louro entre a estrada PO-550 e a liña do ferrocarril, que supuxo un investimento de case 400.000 euros. Esta actuación, que permitiu mellorar a capacidade de drenaxe da liña férrea, prevé evitar asolagamentos en varias vivendas, no parque empresarial da localidade e en diversas áreas de cultivo.

Segundo avanzou o director de Augas de Galicia, na actualidade os técnicos do organismo hidráulico están a avaliar o proxecto da terceira actuación prevista. Trátase da mellora do espazo fluvial entre a liña do ferrocarril e a rúa Devesa.

Estas actuacións -cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80%, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020- teñen como finalidade tratar de minimizar o risco de que se produzan asolagamentos na zona, que está identificada como área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) dos ríos Ulla e Sar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2025