A Xunta prevé comezar en primavera o trampeo no marco do plan de choque da nova campaña de loita contra a vespa velutina

A directora xeral de Administración Local e o director xeral de Emerxencias e Interior destacaron hoxe nunha reunión que a instalación de máis de 20.500 trampas colocadas en 261 concellos en 2024 supuxeron a captura de máis de 113.200 raíñas, o que derivou nunha redución de case un 50% no número de avisos 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a renovación da encomenda a Seaga, que o ano pasado permitiu a retirada de máis de 18.700 niños 

Natalia Prieto incide na importancia da colaboración cidadá e na necesidade de que contacten co teléfono 012 cando detecten un niño de vespa velutina

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2025

A Xunta abordou hoxe o inicio da campaña do programa galego de vixilancia e control fronte a avespa velutina acordado en 2020 entre o Goberno galego e Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)  nunha reunión na que se informou de que se prevé que as medidas de choque nesta campaña comecen na primavera coa realización do trampeo organizado, selectivo e planificado para actuar nos niños primarios, que son os primeiros en aparecer.

O trampeo está avalado por técnicos e especialistas coordinados por científicos e investigadores, dándolle así resposta a unha das principais demandas dos colectivos afectados pola avespa velutina. Esta actuación diríxese especialmente á captura das raíñas, que no proxecto piloto levado a cabo na anterior campaña xa supuxo a instalación de máis de 20.500 trampas en 261 concellos con máis de 113.200 raíñas atrapadas.

Na reunión de hoxe participaron a  directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xunto con Luisa Piñeiro, directora-xerente da empresa pública Seaga, encargada da encomenda da retirada de niños, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, así como representantes da central de chamadas do 012 e da Fegamp. Tamén participou por videoconferencia a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz.

Natalia Prieto explicou que, ademais da campaña especial de actuación sobre os niños primarios co trampeo, o plan de choque inclúe de novo actuacións destinadas á formación, información e divulgación entre os efectivos que traballan na loita contra esta especie, os profesionais afectados e o conxunto da cidadanía, activando ademais unha campaña de divulgación. Tamén se está a impulsar a investigación científica para coñecer o seu comportamento e determinar o método máis efectivo para evitar a súa propagación.

A directora xeral de Administración Local lembrou que o plan se completa coa retirada dos niños, da que a Xunta vén de renovar un ano máis a encomenda a Seaga, co obxectivo de ofrecer unha solución homoxénea, centralizada e coordinada cos concellos para a eliminación e retirada de niños desta especie. De feito, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a renovación da encomenda á empresa pública Seaga para executar os traballos de retirada e destrución dos niños incluídos este 2025 no Programa galego de vixilancia e control fronte á avespa asiática.

Este ano os 313 concellos confirmaron a súa adhesión voluntaria ao programa e, polo tanto, por segundo ano consecutivo, o programa chega a todo territorio galego fronte aos 285 cos que comezou en 2020. A empresa Seaga conta cun equipo de coordinación que organiza os grupos de intervención, aos que a Xunta dota do equipamento necesario para garantir a seguridade dos seus efectivos nos operativos.

Balance 2024

En canto ao balance do ano pasado, o plan centralizado de retirada de niños de avespa velutina acordado cos concellos permitiu a retirada de máis de 18.700 niños.  A Coruña foi a provincia que rexistrou un maior número de niños eliminados ou neutralizados en 2024 con máis de 8.600, seguida dos máis de 5.800 da provincia de Pontevedra. En Lugo e Ourense retiráronse e neutralizáronse máis de 2.000 e máis de 2.200 niños, respectivamente.

Desde a alerta recibida no Teléfono de  Atención e Información á Cidadanía 012, procédese á súa retirada no menor tempo posible, se ben hai casos onde os niños son inalcanzables ou dificilmente accesibles e requiren actuacións complementarias ou permisos administrativos ou de propietarios. Cando se corresponden cunha urxencia ou son de risco especial derívanse aos servizos de emerxencia do 112 para a súa retirada inmediata.

A directora xeral de Administración Local explicou que o proxecto piloto de trampeo e as demais medidas do plan de choque contribuíron a unha redución de máis do 46% nos avisos xestionados por Seaga con máis de 26.200 fronte aos máis de 49.400 do ano pasado.

Reforzo das canles de aviso

Cómpre lembrar que nos meses de verán reforzase a liña específica do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 para atender os avisos de niños de velutina, coincidindo coa época de maior proliferación da especie. Nesta liña, Natalia Prieto incidiu na importancia da colaboración cidadá e na necesidade de contactar co teléfono 012 cando se detecte un niño de avespa velutina para informar da súa presenza co obxectivo de minimizar o seu impacto e frear o seu avance na comunidade. Como vías complementarias ao Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 para comunicarlle á Xunta a presenza de niños de avespa velutina un chatbot e un axente virtual.

Lembrou que o Goberno galego avanza cada ano na implantación das novas tecnoloxías para habilitar novas formas de contacto coa cidadanía. Así, a aplicación Controlvelutina, permite que os efectivos de Seaga actualicen un seguimento de cada aviso. Xa se realizou ademais a súa integración cos servizos de emerxencias do 112, para que se poidan mobilizar os medios de retirada nos casos máis urxentes. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2025