A Xunta convoca seis bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria, cun prazo de solicitude dun mes a partir de mañá
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se convocan seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento. A iniciativa conta con máis de 109.000 euros de orzamento, que se destinarán ao pagamento ás persoas bolseiras do importe das bolsas e das cotas patronais da Seguridade Social.
A formación realizarase nun máximo de 12 meses entre outubro de 2025 e setembro de 2026 na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE en Santiago de Compostela ou en Oficinas da Cooperación Española da Axencia Española de Cooperación Internacional para o desenvolvemento (AECID).
As persoas solicitantes deben ter residencia en Galicia e estar en posesión dun título universitario oficial de grao, licenciatura, diplomatura, arquitectura, enxeñaría ou similar. Ademais, entre os requisitos para optar a unha destas bolsas inclúese non ter emprego remunerado nin gozar doutra axuda deste tipo e tampouco desta en convocatorias anteriores.
A presentación de solicitudes deberá realizarse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) no prazo dun mes contado dende mañá.
As bolsas de formación da Cooperación Galega teñen como obxectivo fundamental apoiar a formación especializada de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento, coa finalidade de complementar a formación académica coas liñas de traballo da Cooperación Galega e, no caso das bolsas noutros países, os proxectos que se están a financiar e que poderán visitar na súa estadía no terreo. A Xunta leva investido desde 2009 máis de 1,8 millóns de euros para o financiamento de máis dun cento destas bolsas.
Fortalecemento do sistema de cooperación
As actividades destinadas á formación de persoal especializado constitúen unha tarefa que a Xunta leva a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación, sendo o apoio á formación e capacitación especializada dos actores e axentes galegos de cooperación unha das liñas de actuación do actual Plan Director da Cooperación Galega.