O delegado territorial inaugurou esta mañá na Veiga o festival literario astronómico Al-Majisti 2025

Manuel Pardo pon en valor o potencial de Galicia como destino Starlight

O delegado territorial indicou que con estas iniciativas se está a contribuír a avanzar nun modelo turístico sustentable e responsable que combina a observación do ceo nocturno coa divulgación e actividades de lecer relacionadas coa astronomía e o contacto coa natureza

Manuel Pardo sentenciou que “non resulta estraño que aquí, no cume de Galicia, xurda este extraordinario festival non só como un proxecto cultural no medio rural senón como un espazo de encontro, de relacións e fortalecemento das comunidades e da súa autoestima”

Ourense, 28 de marzo de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou na inauguración do festival literario astronómico Al-Majisti 2025 que se está a celebrar na vila ourensá, onde destacou o apoio levado a cabo polo Goberno autonómico para conseguir que Galicia se posicione como destino Starlight, con destinos como A Veiga, un dos primeiros en conseguir a certificación como lugar para gozar da contemplación do ceo.

O delegado territorial agradeceu á organización do festival literario a súa organización e indicou que con estas iniciativas se está a contribuír a avanzar nun modelo turístico sustentable e responsable que combina a observación do ceo nocturno coa divulgación e actividades de lecer relacionadas coa astronomía e o contacto coa natureza, como este festival literario.

No acto, Manuel Pardo, reflexionou sobre a orixe da astronomía que “xurdiu desde que a humanidade deixou de ser nómade e comezou a ser sedentaria; Despois de formar civilizacións ou comunidades, comezou o seu interese polas estrelas”. “A práctica destas observacións – continuou o delegado territorial- é tan verdadeira e universal que se atoparon por todo o planeta en todas aquelas partes onde viviron os seres humanos. Segue entón que a astronomía é probablemente unha das profesións máis antigas, manifestándose en todas as culturas humanas”.

“Por iso, -sentenciou Manuel Pardo- non resulta estraño que aquí, no cume de Galicia, xurda este extraordinario festival non só como un proxecto cultural no medio rural que tenta corrixir a comparativa coa oferta lúdica das cidades, senón que se trata, ao meu entender como un espazo de encontro, de relacións e fortalecemento das comunidades e da súa autoestima das que o espectro pedagóxico do mundo urbano debería tomar exemplo”.

Para rematar, o delegado territorial augurou a esta iniciativa o maior dos éxitos, así como vaticinou un longo percorrido nos anos. ”O estudo dos clásicos educa aos homes no duro traballo de desenvolver o pensamento crítico, e as xeracións que se atopen con este legado recoñecerán neles a fonte de inspiración que lles permita afondar dentro e artellar unha nova forma de vida”; concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2025