A Xunta destaca a cooperación transfronteiriza como un aspecto clave na resposta fronte aos grandes desafíos do cambio climático
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, acudiron hoxe a unha xornada técnica de Protección Civil para poñer en valor os beneficios da colaboración entre Galicia e Portugal en prol da seguridade e coidado das comunidades
Santiago Villanueva puxo en valor os avances no eido das emerxencias nos últimos anos tanto na planificación como nos medios técnicos e incidiu nos retos para os que hai que estar preparados no futuro
O xerente da AXEGA lembrou que os sucesivos proxectos de cooperación transfronteiriza permitiron homoxeneizar os sistemas de comunicación en situación de emerxencia, adquirir maquinaria e vehículos máis potentes, implantar o mando único e, agora, incorporar a IA
Viana do Castelo (Portugal), 28 de marzo de 2025
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, coinciden en que a cooperación transnacional é un aspecto fundamental na resposta eficaz fronte as grandes emerxencias derivadas do cambio climático e no coidado e fortalecemento das comunidades. Así o manifestaron durante as respectivas intervencións nunha xornada técnica sobre Protección Civil, que se celebrou hoxe en Viana do Castelo, Portugal.
Neste senso, e dentro do contexto do actual proxecto de cooperación transfronteiriza en materia de emerxencias, Atempo, a delegación galega puxo en valor os grandes beneficios da colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal en relación á xestión das situacións máis graves. Esta axuda recíproca, que xa ten varios anos de traxectoria, é fundamental para afrontar de maneira conxunta os riscos e catástrofes que, debido á proximidade xeográfica, poden afectar a ambos os dous territorios.
Na clausura do evento, o director xeral de Emerxencias e Interior puxo en valor os avances no ámbito das emerxencias nos últimos anos, tanto no que se refire á planificación con plan especiais para estudar respostas ante distintos riscos ou na mellora das predicións meteorolóxicas para tomar decisións con antelación como no incremento dos servizos de emerxencias en todos os territorios e no aumento dos medios técnicos dos que dispoñen. Ademais, incidiu na necesidade de seguir a traballar para facer fronte a novos retos do futuro como as emerxencias non ordinarias como, por exemplo, a última DINA na Comunidade Valenciana ou os incendios forestais que afectan en moitas ocasións tanto a Galicia como Portugal.
Durante a súa intervención nunha conferencia anterior, o xerente da Axega destacou os avances conseguidos ao abeiro dos distintos programas de cooperación, como a creación dun sistema homoxéneo de comunicación en situación de emerxencia, a adquisición de maquinaria e vehículos máis potentes, así como a implantación do mando único. Ademais, subliñouse a importancia da incorporación da intelixencia artificial (IA) para mellorar a anticipación, prevención e capacitación ante posibles riscos, o que permitirá unha maior efectividade na loita contra os grandes desafíos do cambio climático.
Así, indicou que a IA é unha ferramenta innovadora e poderosa que vén a transformar a capacidade para prever, anticipar e xestionar os riscos con maiores garantías, contribuíndo de maneira significativa á protección das nosas comunidades.
Por último, lembrou que a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal é posible grazas aos fondos europeos Interreg, que financiaron os sucesivos proxectos de colaboración en materia de emerxencias.
A Xunta mantén unha posición de liderado nestes proxectos ao apostar pola axuda recíproca como a mellor ferramenta para fortalecer a resiliencia de ambas as dúas rexións fronte aos retos globais do cambio climático.