A Comunidade de Usuarios de Balteiro, en Vilaboa, reparou o seu depósito de augas grazas a unha axuda da Xunta de máis de 12.000 euros

Máis de 100 entidades da área territorial de Pontevedra recibiron un total de máis de 1 millón de euros para mellora das súas instalacións e compra de material

O delegado territorial asegurou que a Xunta seguirá colaborando coas comunidades de usuarios galegas

A nova convocatoria desta liña de axudas conta cun orzamento de 4 millóns de euros, un máis que o ano pasado

Vilaboa (Pontevedra), 2 de abril de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta as instalacións da Comunidade de Usuarios Balteiro,  no concello de Vilaboa, que recibiu unha axuda de 12.000 euros da Xunta para mellorar as súas infraestruturas.

Estas axudas, xestionadas pola dirección xeral de Administración Local, beneficiaron a máis de 100 entidades na área territorial de Pontevedra, cunha achega total nesta área de máis de un millón de euros entre a liña destinada a obras e a destinada a compra de material. No concello de Vilaboa tamén se beneficiou destas axudas a Comunidade de Usuarios de Abastecemento Río do Barco e a Comunidade de Traída de Augas de Vilaboa. O total investido neste concello a través desta liña foi de preto de 34.000 euros.

No caso da comunidade de usuarios de Balteiro, o investimento da Xunta permitiu reparar as perdas dos depósitos individuais, o que mellora o aproveitamento da auga e permite un maior control da súa calidade. Ademais, os usuarios ampliaron o sistema de tele control da ETAP, o que lles permite obter gráficas do nivel de cloración en tempo real e actuar de forma rápida en caso de que fora necesario. 

O delegado aproveitou a visita para agradecer “o gran labor que levan a cabo as comunidades de usuarios como a de Balteiro” e lembrou que “a Xunta estará sempre disposta a colaborar con este tipo de asociacións para axudalas a manter a calidade do seu servizo”. 

Nova convocatoria

A nova convocatoria destas subvencións contará con un millón de euros máis de orzamento que a edición pasada, chegando aos 4 millóns de euros. Deste xeito, preténdese dar resposta ao éxito da convocatoria nos últimos anos. De feito, o ano pasado os 3 millóns de orzamento investíronse en 341 proxectos de obras e equipamento en locais sociais ou nas traídas de auga de toda Galicia. 

Así, esta nova convocatoria consta de dúas liñas: unha de 3,4 millóns de euros para obras de acondicionamento nos locais de asociacións de veciños ou de mulleres rurais e nas traídas de auga das comunidades de usuarios de augas, e outra cos 600.000 euros restantes reservadas á dotación de equipamento.

As axudas económicas concedidas poderán acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros no caso da liña de obras e de 5.000 euros na de equipamento.

Dende a sua posta en marcha, no ano 2016 e ata o 2024, esta liña de axudas permitiu levar a cabo iniciativas a case 2.000 entidades por valor de 22 millóns de euros. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/04/2025