A Xunta apoia as melloras no abastecemento de auga da comunidade de usuarios do Carballal en Vigo

A directora xeral de Administración Local visitou hoxe, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo as obras realizadas ao abeiro das axudas do Plan específico de acción comunitaria

O Goberno galego aumentou este ano en 1M€ o orzamento desta orde ata acadar os 4M€ en vista da demanda de solicitudes en anteriores convocatorias

Vigo, 2 de abril de 2025

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitaron hoxe as instalacións da comunidade de augas do Carballal, na parroquia viguesa de Cabral, para comprobar as obras de mellora na rede de abastecemento de auga realizadas ao abeiro das axudas do Plan específico de acción comunitaria, dirixidas a entidades veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

A Xunta destinou 12.000 euros para os traballos de cambio de canalización nun tramo de 100 metros da parte baixa da rede, que concentraba entre o 30 e o 40 % das avarías, e a instalación dun novo sistema de presión na zona que abastece o colexio Saladino Cortizo e as instalacións deportivas do campo de fútbol Carballal-Bandeira, xa que o antigo sistema de cloración se encontraba obsoleto. Tamén se instalaron, para mellorar a seguridade nos mananciais e previr a contaminación, valados perimetrais nos terreos que a comunidade ten en propiedade e nos que se sitúan os pozos naturais. Concretamente, no pozo do monte na zona de Cabeiro.

Natalia Prieto explicou que, con estas obras, se consegue reducir o risco de avaría e rupturas, así como mellorar o subministro efectivo e optimizar a xestión da auga, o que permitirá reducir o consumo e aforrar custes grazas ás melloras de eficiencia enerxética.

A orde de subvencións do Plan específico de acción comunitaria contou este ano cun aumento de 1 millón de euros (un 33% máis respecto a 2024) e acada os 4 millóns de euros en vista do volume de solicitudes e do éxito das convocatorias en anos previos.

Con este aumento orzamentario, destacou a directora xeral de Administración Local, o Goberno galego busca recoñecer o papel fundamental destes colectivos veciñais, de mulleres e de usuarios de augas como a do Carballal. Nesta liña, incidiu en que realizan un importante traballo na dinamización da vida local e na mellora da calidade de vida da cidadanía.

A directora xeral de Administración Local aclarou que a convocatoria consta de dúas liñas, unha destinada a melloras nas infraestruturas e outra para equipamento. As axudas económicas concedidas poderán acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros no caso da liña de obras e de 5.000 euros en equipamento.

En 2024 oito colectivos vigueses se beneficiaron desta orde de axudas, con achegas que sumaron 70.000 euros. No conxunto de Galicia, os 3 millóns de euros de orzamento permitiron impulsar 341 proxectos, 202 de obras e 121 de equipamento. A meirande parte das entidades beneficiarias foron da provincia de Pontevedra, con 162 que se repartiron case 1,6 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/04/2025