A conselleira de Política Social e Igualdade visita a sede da Fundación Secretariado Xitano con motivo do día internacional deste colectivo
Fabiola García aposta pola formación laboral como camiño cara a plena inclusión da poboación xitana
A conselleira visita a un grupo de dez usuarios menores de 30 anos que asisten a un curso de formación para o emprego no sector da hostalaría e que comezarán as prácticas a mediados de abril
Lembra que a Xunta aprobou en marzo a nova Estratexia de Inclusión Social da Poboación Xitana en Galicia 2025-2030, que pon o foco na loita contra a discriminación estrutural e o antixitanismo
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, sinalou que Galicia e a comunidade xitana se coñecen mellor grazas ao labor que desenvolven entidades como Fundación Secretariado Xitano, cuxa sede visitou esta mañá. No acto, puxo en valor o traballo que realizan estas entidades para avanzar en eidos como a formación laboral, que son claves para a plena inclusión deste colectivo.
De feito, durante o percorrido polas instalacións, no que estivo acompañada polo director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, puido saudar a un grupo de dez usuarios menores de 30 anos que actualmente asisten a un curso de formación para acceso ao emprego no sector da hostalaría e que comezarán as prácticas a mediados de abril.
Na súa intervención, a conselleira lembrou que o Día Internacional do Pobo Xitano, que se conmemora cada 8 de abril, é unha oportunidade perfecta para reivindicar unha maior integración do pobo xitano na sociedade. Así mesmo, destacou que esta celebración ten un significado especial ao cumprirse 600 anos da presenza do pobo xitano na península Ibérica, motivo polo que o 2025 foi declarado Ano do pobo xitano en España.
Fabiola García destacou que Galicia foi a primeira comunidade en contar cunha estratexia de poboación xitana, no ano 2014. Este documento foi renovado o pasado mes de marzo, con vixencia para o período 2025-2030, e pon o foco na loita contra a discriminación estrutural e o antixitanismo.