A Xunta inviste máis de 57.000 € na mellora dos sistemas de abastecemento de cinco comunidades de usuarios da área de influencia de Pontevedra

O delegado territorial visitou as instalacións da Comunidade de Augas do Castro de Barbudo, en Ponte Caldelas, que recibiu unha achega de preto de 10.700 euros

Estas axudas beneficiaron a un total de 44 entidades en toda a provincia por valor de máis de 500.000 euros

Ponte Caldelas (Pontevedra), 10 de abril de 2025

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da Comunidade de Augas do Castro de Barbudo, en Ponte Caldelas, que foi unha das beneficiarias das axudas convocadas por Augas de Galicia o ano pasado para a mellora das súas instalacións. 

En concreto, esta entidade recibiu unha achega de preto de 10.700 euros que permitiu dixitalizar o seu sistema de distribución para ter un maior control do caudal de entrada e saída de auga.

En concreto, na provincia de Pontevedra, foron 44 as entidades que se beneficiaron desta liña de axudas por un importe de máis de 500.000 euros. Na área de influencia de Pontevedra tamén recibiron esta axuda, ademais da Comunidade de Augas do Castro de Barbudo, a Comunidade de Usuarios de Augas de Pazos, en Vilaboa (12.702 €); a Comunidade de Usuarios de Nores, tamén en Vilaboa (8.542 €); a Comunidade de Usuarios de Cuspedriños, en Cerdedo-Cotobade (10.123 €); e a Comunidade de Usuarios de Xende, na Lama (14.951 €). 

O delegado territorial tivo a oportunidade de conversar co equipo directivo da Comunidade de Augas do Castro de Barbudo, quen lle transmitiu a súa satisfacción con esta liña de axudas. Pola súa banda, Reguera aproveitou a visita para lembrar que “a Xunta de Galicia é consciente do papel fundamental que teñen este tipo e entidades, que prestan un servizo imprescindible en moitas zonas da provincia e que se organizan de forma voluntaria, desinteresada e altruísta”. 

Augas de Galicia ofrece axudas económicas de ata 15.000 euros dirixidas a comunidades veciñais que xestionan e se ocupan do mantemento das súas propias traídas de auga, una boa solución para abastecer pequenos núcleos de poboación pero que normalmente teñen dificultades para proporcionar un servizo de calidade debido ao elevado custo das melloras e do propio mantemento das súas instalacións.

Neste sentido, cómpre lembrar que na última convocatoria desta orde de axudas —con prazo de solicitude pechado a finais do pasado mes de marzo— Augas de Galicia reservou tamén un orzamento de 500.000 euros a este mesmo fin.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/04/2025