A Xunta convoca a VIII edición do Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea

O galardón, que conta cunha dotación económica de 3.000€, busca promover a produción de pensamento sobre esta materia en lingua galega

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2025

A Xunta de Galicia acaba de convocar a oitava edición do Premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre a arte, cuxo obxectivo é promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións, así como favorecer a comunicación social das artes plásticas.

Tal e como recollen as bases da presente edición, publicadas no Diario Oficial de Galicia, poderá optar a este premio, dotado con 3.000 euros, calquera persoa física, maior de idade, que presente textos inéditos escritos en galego segundo a normativa vixente e que estean relacionados con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea. Así pois, os traballos serán de temática libre, sempre que versen sobre esta materia e terán un carácter divulgativo. 

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o próximo 1 de setembro e o fallo do xurado darase a coñecer, en todo o caso, antes do 31 de decembro de 2025. A extensión dos orixinais, que non poderán conter ilustracións, abranguerá entre 150.000 e 450.000 caracteres, incluídos espazos e non poderán concorrer ao premio traballos que xa foran presentados nalgunha das edicións anteriores.

Un xurado, do que formarán parte persoas de recoñecido prestixio do medio artístico-literario, será o encargado de avaliar os orixinais baseándose en criterios como a orixinalidade do enfoque, a singularidade da metodoloxía empregada na investigación e a calidade literaria dos ensaios presentados a concurso ou polas relacións con outras disciplinas artísticas ou científicas.

Orixinais premiados nas edicións anteriores

A través da convocatoria deste premio, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca promover o coñecemento e favorecer o acceso público á arte contemporánea, así como impulsar a comunicación social nesta área.

Desde que en 2019 se inaugurara a colección CGAC_Ensaio co texto A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria, do ourensán Rosendo Cid, saíron do prelo outros catro títulos: Tigres en magnolias: a maxia como transformación na arte contemporánea, de María Marco; Memoria do azul: afección monocroma do contemporáneo, de Laura Calvo; O menor: procesos a-significantes na arte contemporánea, de Matías Rodríguez-Mouriño, e recentemente A caverna baleira: catálogo de arte inmaterial, imposible e inexistente, obra do investigador e poeta Jorge Fernández Gonzalo.

Proximamente verán á luz o sexto e sétimo libro da serie: A escola da noite, de Aitor Hernández Marcos, galardoado na convocatoria de 2023, e o ensaio premiado en 2024, Parlamentos de xeo (e outras friccións teóricas de arte do século XXI), asinado polo doutor en historia da arte Sergio Meijide Casas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/04/2025