A Xunta destinará 1,4 M€ á rede de puntos de encontro familiar, un servizo 100% gratuíto para os usuarios

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visita o PEF de Santiago de Compostela, un servizo que axuda a máis de 600 persoas da contorna compostelá, incluídos 230 nenos e adolescentes

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2025

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, lembrou esta mañá que a Xunta vén de convocar a xestión dos Puntos de Encontro Familiar (PEF) de Santiago de Compostela, Lugo e Pontevedra mediante a asignación de concerto social. Este ano, o Goberno galego destinará 1,4M€ á xestión desta rede.

Así o destacou durante a súa visita ao PEF de Santiago, onde mantivo unha reunión cos responsables deste servizo público, gratuíto para as familias e que facilita a preservación da relación entre os menores e as súas familias en situacións conflitivas. Este PEF axuda a máis de 600 persoas da contorna, incluídos 230 nenos e adolescentes e nel traballan seis persoas (dúas psicólogas e catro educadoras sociais). Co novo concerto social, a Xunta de Galicia destinará uns 275.000€ anuais ao seu mantemento.

O director xeral destacou que a semana pasada publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria deste concerto e abriuse o prazo dun mes para que as entidades interesadas presenten as súas propostas. Este concerto social terá vixencia desde a súa formalización, prevista para xullo de 2025 ata o 30 de xuño de 2029, con posibilidade de prórrogas específicas ata xuño de 2033. Para poder acollerse ao réxime de concerto social, as entidades deberán estar inscritas no rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais. Ademais, entre outros requisitos, deben contar cunha experiencia mínima de atención á familia, á infancia e á adolescencia de dous anos.

Os PEF están atendidos por profesionais especializados que garanten un réxime de visitas seguras en casos de rupturas conflitivas entre os proxenitores, velan pola protección e benestar dos nenos e adolescentes, fan un seguimento individualizado de cada situación e alertan aos servizos de menores no caso de identificar algún caso de desprotección.

Galicia conta na actualidade con oito PEF, situados un en cada cidade máis outro en Ribeira para toda a comarca do Barbanza. A estes sumaranse tres novos puntos nas comarcas do Deza, Monterrei e A Mariña, que están en tramitación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/04/2025