A Xunta apoia a Festa da Filloa que se celebrará en Muimenta o 1 de maio

A organización estima que se porán á venda 18.000 filloas na 34ª edición desta cita, declarada de Interese Turístico galego

Cospeito (Lugo), 24 de abril de 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da Festa da Filloa de Muimenta (Cospeito), declarada de Interese Turístico de Galicia, que se celebra o 1 de maio no recinto feiral Manuel Vila López e que conta co apoio da Xunta. No acto estiveron tamén o alcalde, Armando Castosa, e o coordinador do evento, José Manuel Rus, entre outros.

A organización estima que se porán á venda unhas 18.000 filloas ao longo do día. Este ano ofreceranse tamén ao público filloas sen glute e haberá degustacións do produto acompañado de crema de cacao, nata ou mel.

Unhas 145 persoas colaborarán durante toda a xornada para celebrar a festa, impulsada pola mesma comisión organizadora da Moexmu 2025.

O pregoeiro será o actor coruñés Denis Gómez. O recinto feiral acollerá tamén unha exposición de artesanía e produtos de calidade; un taller de olería; actuacións musicais; e a entrega dos premios do 25º concurso de debuxo e relatos da Festa da Filloa, uns galardóns que achega a Administración autonómica.

Ademais, este ano estréase unha iniciativa para darlles visibilidade a outras celebracións de exaltación gastronómica da provincia. As primeiras convidadas son a Festa da Enfariñada de Trabada e a adicada á Degustación do Requeixón de Vilamartín Pequeno, en Barreiros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2025