A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, asistiu hoxe a este encontro de usuarios, familiares e persoal da entidade

A Xunta celebra a Festa das Familias coa Asociación Aspnais en Lugo

O Goberno galego seguirá impulsando máis e mellores servizos que teñan en conta a profesionalidade, experiencia e proximidade das entidades sociais

Lugo, 26 de abril de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou hoxe a rede de protección para as persoas con discapacidade intelectual da cidade e da provincia que durante estes anos teceu a Asociación Aspnais. Díxoo durante a celebración da Festa das Familias, un encontro que reuniu a usuarios, familiares e persoal da entidade.

Begoña Abeijón agradeceu a Aspnais a súa contribución a que nosa comunidade sexa un mellor lugar para vivir e asegurar que as persoas con discapacidade intelectual teñan acceso aos servizos que necesitan. Neste sentido, garantiu a continuidade do apoio da Xunta para seguir impulsando máis e mellores servizos que teñan en conta a profesionalidade, experiencia e proximidade das entidades sociais.

A Consellería de Política Social e Igualdade financia 258 prazas públicas nos centros de atención diúrna e residencial que ten Aspnais en Lugo, nas que inviste 2,5M€ ao ano. Ademais, colabora tamén con esta entidade a través da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF, que na última convocatoria concedeu á entidade 21.000€ para mellorar o mobiliario dos seus centros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/04/2025