A Xunta incrementa desde maio as axudas ás familias acolledoras e aposta por seguir consolidando a Galicia como referente nesta materia
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participa na xornada ‘Infancia Protexida, Futuro en Familia’, organizada por Acougo
Galicia consolídase como a segunda comunidade coa ratio de acollemento familiar máis alta no sistema de protección, con máis dun 60%
Vigo, 30 de abril de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá na xornada Infancia Protexida, Futuro en Familia, organizada por Acougo e que ten como obxectivo compartir experiencias, coñecer alternativas ao acollemento familiar e reflexionar sobre a infancia protexida en Galicia.
Na súa intervención, o director xeral explicou que a Xunta de Galicia está a fomentar con éxito o acollemento familiar como forma prioritaria de protección dos nenos e adolescentes. Así o demostran os datos oficiais, que sitúan a Galicia como a segunda comunidade coa ratio de acollemento familiar máis alta no sistema de protección. Concretamente, explicou que máis do 60% dos nenos e adolescentes están en acollemento familiar.
Jacobo Rey lembrou que, co obxectivo de seguir mellorando estes datos, o Goberno galego incrementará as axudas que perciben mensualmente as familias acolledoras, unha suba que será efectiva xa desde mañá, día 1 de maio. Deste xeito, explicou que se aumentará en 900€ ao ano a achega ás familias que acollen a nenos de entre 3 e 18 anos, que pasarán a percibir 425€ ao mes. Ademais, tamén se incrementarán en 25€ as axudas que reciben as familias con nenos de entre 1 e 3 anos, que contarán igualmente con 425€ mensuais. Por último, manteranse en 600€ ao mes as achegas para aquelas familias que acollan nenos menores dun ano.
Con este incremento, a Xunta busca responder ás necesidades que trasladan as familias acolledoras e tamén visibilizar a opción do acollemento familiar como xeito de garantir que todos os nenos e nenas poidan medrar nun fogar.
Por último, o director xeral felicitou a Acougo por organizar unha xornada que reúne en Vigo a expertos de prestixio como a doutora Anabel González, especialista en trauma e apego. Ademais, o evento incluirá tamén a presentación dun estudo elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) sobre a percepción da sociedade galega respecto ao acollemento familiar e a presentación de iniciativas pioneiras nesta materia.
 
											
											 
									 
										 
										