O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, subliñou que a nova Agrupación constituída hoxe representa un espazo de oportunidades compartidas para enfrontar retos como o despoboamento
A Xunta reivindica a constitución da AECT da Raia Seca como un fito histórico na cooperación transfronteiriza e unha ferramenta clave para o acceso a fondos europeos
A nova agrupación abarcará máis de 3.100 quilómetros cadrados e máis de 72.000 habitantes, integrando 13 concellos galegos e as rexións portuguesas do Alto Minho, Cávado, Alto Támega e Barroso
Entre os proxectos comúns que permitirá impulsar esta alianza atópase Comenerg, enfocado en comunidades enerxéticas sostibles
Ourense, 6 de maio de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe xunto co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, no acto de sinatura do convenio e dos Estatutos da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Raia Seca. Cualificou este paso como histórico para Galicia, para a rexión do norte de Portugal e para o futuro da cooperación europea e que será tamén unha ferramenta clave para o acceso a fondos europeos.
Durante o acto, subliñou que a creación da nova AECT culmina un proceso de articulación institucional da fronteira galego-portuguesa, converténdoa nun territorio de colaboración estruturada con instrumentos xurídicos, políticos e técnicos ao servizo da cidadanía. Diego Calvo valorou que a chamada Raia Seca, tradicionalmente asociada á separación, é agora símbolo de encontro, cooperación e oportunidades compartidas.
O conselleiro de Presidencia fixo fincapé no valor estratéxico desta nova entidade, que permitirá enfrontar con maiores garantías os desafíos comúns como o despoboamento, a perda de dinamismo económico ou a protección do medio ambiente. Tamén apuntou á importancia de xerar alternativas reais de futuro para a mocidade das comarcas fronteirizas.
A nova agrupación abarcará máis de 3.100 quilómetros cadrados e máis de 72.000 habitantes, integrando 13 concellos galegos co apoio da Deputación de Ourense, así como as rexións portuguesas do Alto Minho, Cávado, Alto Támega e Barroso. Así, Diego Calvo salientou que este modelo aposta pola gobernanza multinivel, a colaboración entre iguais ou a participación cidadá.
Na súa intervención, reafirmou o compromiso dunha cooperación transfronteiriza sólida, fundamentada nunha traxectoria de décadas. Exemplos previos desta colaboración inclúen a creación do primeiro parque natural transfronteirizo da Península Ibérica (1997), a primeira reserva da biosfera recoñecida pola UNESCO entre dous países (2009) e estratexias ambientais comúns recoñecidas a nivel europeo.
A nova AECT permitirá reforzar o acceso a fondos europeos e impulsar proxectos comúns como o COMENERG, enfocado en comunidades enerxéticas sostibles. O conselleiro indicou que se trata dun proxecto fondamente europeo, coherente cos valores da Unión Europea: cooperación, solidariedade, desenvolvemento sostible e respecto á diversidade.
Co gallo da conmemoración este ano do 40º aniversario da entrada de España e Portugal na CEE, lembrou a necesidade de reforzar o papel das rexións nos cumios bilaterais, mellorar as conexións ferroviarias e viarias, aprobar o Estatuto do Traballador Transfronteirizo e avanzar cara a unha xestión compartida de espazos públicos.
Neste senso, o conselleiro de Presidencia destacou que a AECT da Raia Seca completa o mapa institucional de cooperación na fronteira galego-portuguesa, configurando unha ferramenta esencial para enfrontar retos actuais e futuros cun enfoque máis verde, innovador e xusto.