Arias explica á comisión da Piringalla a normativa sobre os horarios de verbenas e festas populares

O delegado territorial da Xunta respondeu as dúbidas que lle trasladaron os organizadores das festas deste barrio de Lugo a raíz dunha recente xuntanza que mantiveron con responsables do Concello

Lugo, 9 de maio de 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicoulles aos representantes da comisión organizadora das festas da Piringalla que o Concello de Lugo ten as competencias para concretar os horarios das verbenas populares, “e non pode apelar á normativa autonómica que só determina un marco xeral amplamente modificable”.

Durante a presentación das festas do barrio, Ricardo Varela e outros membros da Asociación de Veciños, Cultural e Deportiva -que organiza os festexos- manifestaron a súa preocupación polos horarios e transmitíronlle que o Concello de Lugo xustifica as súas decisións en base a supostos límites que marca o Goberno galego, segundo lles comunicaron os propios responsables municipais nunha recente xuntanza.

O delegado respondeu ás súas dúbidas e aclarou que a regulación da Xunta contense na Orde que desenvolve a Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, e só establece pautas xenéricas. No caso das verbenas e festas populares fixa a hora límite de remate nas 4,00 da madrugada, pero ofrece un notable marxe de manobra aos concellos -os competentes en materia de regulación de ruídos a través das ordenanzas municipais-, que poden adiantala ou atrasala ata en dúas horas atendendo á súa localización e outras circunstancias.

“Hai milleiros de festas en Galicia e cada unha ten unha casuística diferente, non é o mesmo un campo da festa afastado que unha contorna residencial, por iso deixamos en mans dos concellos a decisión final de cada caso”, apuntou Arias.

Establecementos e actividades recreativas

A normativa autonómica sobre horarios está recollida na ORDE do 23 de outubro de 2020 -publicada no DOG o día 30 do mesmo mes-, e refírese á apertura e peche dos establecementos abertos ao público así como de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas, incluíndo unha exhaustiva relación que vai desde discotecas e furanchos ata pavillóns deportivos, teatros e museos.

Entre outros aspectos, establece que o horario máximo de peche sinalado para cada actividade pode ampliarse media hora as noites que van do venres ao sábado, do sábado ao domingo e do domingo ao luns, así como as noites das vésperas dos días festivos e as propias noites dos días festivos.

Data de actualización: 09/05/2025